A estalagmita para estudar o cambio climático dende hai medio millón de anos

REDACCIÓN | QUIROGA


Unha estalagmita que serviu para o estudo do cambio climático do Courel e de toda Galicia dende hai 550.000 anos forma parte da colección que acolle nas súas salas o Museo Xeolóxico de Quiroga. Esta peza, que foi recollida na cova de Arcoia, situada na ladeira do pico Formigueiros, serviu para o desenvolvemento dun estudo de investigación levado a cabo polo Instituto Xeolóxico Isidro Parga Pondal.

As estalagmitas son formacións de pedra alargadas e afiadas que hai no solo dalgunhas covas naturais. Formáronse por caísa constante por pingas de auga durante miles de anos. A cova de Arcoia alberga impresionantes estalactitas e estalagmitas, pero escollida para o seu estudo caracterízase porque estivo sempre medrando pouco a pouco e sen interrupción.

Isto último é algo imprescindible para os elementos radiactivos nos que se basea a datación radiométrica que se emprega para calcular a idade en formacións de carbonato de calcio, segundo o equipo formado polos xeólogos Juan Ramón Vidal Romaní, Marcos Vaqueiro e Aurora Grandal, nunha información recollida pola RTMQ.

Os científicos do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña lograron constatar a través desta estalagmita a evolución do clima en máis de 550.000 anos. Segundo Vidal Romaní, a base da estalagmita «achega a súa máxima antigüidade». Unha vez cortada cunha serra de precisión puidéronse tomar mostras de cada capa milimétrica.

«Os isótopos de osíxeno e carbono revelaron a temperatura e a humidade en cada un dos catro períodos interglaciares e tres glaciares intercalados que amosaba», indica o profesor. Após máis de seis anos de estudo, os datos extraídos desta estalagmita de 40 cm de longo permitiron aos xeólogos coñecer como variou o clima no Courel e en toda Galicia.

O estudo demostra, segundo a información proporcionada polos investigadores á RTMQ, que as formacións sedimentarias «medraron alimentadas polas augas de fusión dos xeos nas etapas glaciares e polas augas dos ríos nas interglaciares».

A estalagmita recolleuse no 2008 e foi atopada por un grupo de espeleólogos xunto aos restos dun oso das cavernas, semellantes ao esquelete que se pode ver tamén no Museo Xeolóxico de Quiroga.

Deixar un comentario