Publican a guía “Sendas para descubrir un país”, con oito camiños pola comarca

REDACCIÓN | QUIROGA


A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, acaba de reeditar o folleto de sendeirismo Sendas para descubrir un país, unha publicación de 268 páxinas, que constitúe unha das mellores ferramentas para a práctica desta actividade de contacto coa natureza en todo o territorio da comunidade galega.

Así, esta guía recolle información sobre 122 dos sendeiros homologados pola Federación Galega de Montañismo para practicar sendeirismo en Galicia. Deles, oito transcorren pola comarca: catro en Quiroga, dous en Folgoso, un en Ribas de Sil e o camiño restante é compartido. Con todo, non aparecen a totalidade das rutas homologadas que existen no territorio do Xeoparque Montañas do Courel.

A publicación inclúe unha parte informativa sobre a nomenclatura e símbolos que o camiñante se atopará nos camiños, así como sobre o Sistema MIDE, relacionado coa comunicación entre excursionistas para avaliar as esixencias técnicas e físicas dos percorridos.

RUTA DO OURO E CAMIÑO REAL

Este roteiro circular comeza na aldea de Margaride, á beira das coñecidas como Covas do Medo. Alí nace un camiño que vai cara ás Covas, para pasar despois a unha pista forestal cunha dura subida para chegar a Castro Dares e un miradoiro que ofrece unha espectacular panorámica.

Desembocadura do río Lor no Sil, en Augas Mestas / DIARIO

O roteiro acomete entón pequenas baixadas ata enlazar co trazado do Camiño Real, sinalizado como Camiño de Inverno. Riomaior é o seguinte destino. O Pontón do Rigueiro, unha antiga ponte restaurada recentemente, que conserva o seu deseño orixinal lévanos de volta a Margaride polo Camiño da Misa.

RUTA LAGOA DE LUCENZA

Parte da aldea da Seara para ascender polo val do Selmo, pasando tamén pola fervenza do Fócaro. A ascensión alcanza a lagoa de orixe glaciar da Lucenza e continúa ata a Campa da Lucenza. A guía aconsella gozar deste carreiro na primavera e outono, con climas máis benignos.

Unha pista ancha discorre pola parte alta da serra, coincidindo co roteiro desde a Campa da Lucenza ata as proximidades do Alto de Formigueiros. Aquí, a senda desvíase por un pequeno e antigo camiño para continuar descendendo e, finalmente, retornar á poboación da Seara.

RUTA DA COVELA

Desde Castro de Abaixo, ascende por unha pista que coincide co Camiño de Inverno ata a aldea de Torbeo. É recomendable facer o roteiro neste sentido, xa que deixaremos a baixada e o paseo xunto ao río Sil para o final do traxecto. En Torbeo, é interesante abandonar o roteiro e visitar a próxima igrexa románica de Santa María, pertencente ao antigo priorado dos frades de San Benito.

Igrexa de Santa María de Torbeo / Turismo Ribeira Sacra

Comeza o descenso cara á Covela. Desde unha atalaia moi próxima hai vistas espectaculares sobre o pechado meandro que forma o río Sil. Desde A Covela, o carreiro é un camiño ao bordo do río, en gran parte empedrado e cuberto por un bosque mediterráneo de sobreiras, madroños e aciñeiras. Ao final do percorrido, a senda ascende suavemente ata Castro de Abaixo.

RUTA DO MONTE CIDO

Desde o centro de Moreda, o roteiro ascende pola aldea e polo Carrozo da Gralleira nun amplo zigzag. A subida permite gozar de fermosas vistas sobre o val do Rego da Barxa e da Devesa da Rogueira. Na crista da lomba do Monte Cido atópase sinalizado o acceso ao seu cordal, coñecido polos seus importantísimos restos arqueolóxicos de necrópoles e castros, así como polo seu microrreserva de orquídeas.

A senda descende ao val e cruza o leito do Carrozo de Muiñelo. Na baixada descubriremos as ruínas do castelo de Carbedo. Tras atravesar novamente o curso do río, un forte zigzag ascendente lévanos á outra ladeira do Monte Cido para regresar a Moreda.

RUTA DEVESA DA ROGUEIRA

Desde a aula da Natureza de Moreda, a senda ascende cara á aldea do mesmo nome. A continuación, o camiño sobe pola ladeira do monte do Ucedo. Ao alcanzar a cota de 1.300 metros de altitude, atoparemos un cruzamento desde onde sae unha pista curta que comunica coa estrada que vai ao Alto do Couto. Este podería ser un bo inicio para quen non queiran acometer a parte máis dura.

Dous camiñantes pola Devesa da Rogueira / TURISMO.GAL

Comeza entón un traxecto entre coníferas e entre un bosque autóctono moi denso que percorre sen grandes desniveles a parte alta da Devesa da Rogueira. Antes de iniciar o regreso, descendendo polo val do leito do Rego da Rogueira, é imprescindible seguir a derivación que nos achegará ás Fontes do Cervo e ao miradoiro de Pico Polín.

RUTA VAL DO RÍO QUIROGA

O itinerario comeza desde Barreiro. Percorre unha pista de terra desde este lugar ata a aldea de Casa do Vello. Dende aquí ascéndese polo val do río Pacios ata As Barxas, dende onde sae un camiño que atravesa unha carballeira e leva aos camiñantes á desembocadura do río Pacios no Quiroga.

CAMIÑO FERRADAL

Esta senda percorre o tramo final do río Soldón, desde a antiga ferrería de Rugando, hoxe convertida en establecemento de turismo rural, ata a aldea do Soldón. Dado que transcorre polo fondo do val fluvial, recoméndase facela en sentido descendente. Ao partir da Ferrería de Rugando descéndese pola marxe esquerda do leito do Soldón e pronto se ve, alén do río, a aldea de Paradapiñol.

Vista de Paradapiñol dende a estrada que segue a Cereixido / DIARIO

O roteiro atravesa algúns arroios como o Regueiro do Barreiro e o Regueiro de Rocaboa. Máis abaixo, cruza o río Soldón no lugar de Louredo, cambiando á ribeira dereita pola cal se debe seguir ata o final do carreiro. O descenso, ás veces pronunciado, levaranos ao Soldón, onde finaliza o carreiro.

AUGAS MESTAS – DOADE

Trátase dunha ruta cualificada como moi difícil e de 11 horas de duración, cuxos desniveis requiren unha boa condición física. Con todo, na actualidade está impracticable, agás o tramo que discorre polo concello de Quiroga, entre Parada e o Fuluxento.

Información completa

Polo que respecta a cada un dos sendeiros, este folleto turístico dedícalle dúas páxinas nas que se fai unha descrición do seu trazado con fotografías deste.

Tamén se inclúe un mapa de situación a escala, así como as coordenadas do inicio e o final da ruta.

Por outra parte, explícanse as características máis salientables do sendeiro, así como os servizos dos que dispón, as conexións con outros camiños homologados e a información MIDE.

Este folleto, pódese descargar ou consultar en PDF desde a web www.turgalicia.es e máis adiante contará cunha versión impresa en varios idiomas.

Sendegal

A información deste folleto, pódese complementar coa aplicación para teléfonos intelixentes Sendegal, realizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo.

Esta aplicación constitúe unha nova ferramenta para promocionar o sendeirismo e o turismo de natureza, utilizando as tecnoloxías dos teléfonos intelixentes .

A aplicación pódese buscar nas bibliotecas ou app stores e pode descargarse gratuitamente. A información proporciónase en galego, en castelán e en inglés, de xeito que o usuario opta polo idioma que prefira dende a primeira pantalla de presentación.

Nesta pantalla o usuario pode atopar información sobre os roteiros homologados en Galicia, ademais dunha serie de consellos que facilitarán a experiencia ao camiñante como información sobre sinalización, sobre o significado das balizas e das frechas ou sobre as clasificacións de sendeiros, de gran percorrido, de pequeno percorrido, variantes e derivacións.Imaxes relacionadas

Deixar un comentario