Día Mundial da Poesía: os versos que lle escribiron a Quiroga os lapis da cultura

C. G. | QUIROGA


O Día Mundial da Poesía, celebrado cada ano o 21 de marzo, conmemora unha das formas máis prezadas da expresión e identidade e lingüística da humanidade. A poesía, practicada ao longo da historia en todas as culturas e en todos os continentes, fala da nosa humanidade común e dos nosos valores compartidos, transformando o poema máis simple nun poderoso catalizador do diálogo e a paz.

Esta xornada é unha ocasión para honrar os e as poetas, revivir tradicións orais de recitais de poesía, promover a lectura, a escritura e o ensino da poesía, fomentar a converxencia entre a poesía e outras artes como o teatro, a danza, a música e a pintura, e aumentar a visibilidade de poesía nos medios.

Unha boa iniciativa para conmemorar este día é botarlle unha ollada aos lapis da cultura, seis esculturas cos nomes doutros tantos escritores e escritoras con vínculos con Quiroga. Os lapis semellan atravesar os edificios da casa da cultura e o albergue municipal, lugares onde se decidiron instalar. A iniciativa partiu da Asociación Quiroga en Marcha e foi executada polo artista salmantino Felipe Piñuela.

Entre eses seis nomes atopamos o de Luz Pozo Garza, decana da poesía galega e unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra; a luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir.

Os lapis da cultura situados na casa da cultura / DdQ

En Prometo a flor de loto, Pozo Garza escribía ao Pía Páxaro uns versos nos que, segundo o escritor e crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, «expresa a necesidade de enxergar un novo xeito de diálogo co compañeiro desaparecido, o poeta Eduardo Moreiras». Cáccamo asegura que «o poema “Subida ó Pía Paxaro” é o cimo onde se manifesta a identidade entre o amor e a experiencia mística que constitúe outro dos planos significativos do libro».

En procura dos cumios para apreixar a terra / na ascese da ascensión / Para abrazar a vida / a Galicia en Silencio

Pozo Garza. “Subida ó Pía Paxaro”

Precisamente, o nome do antes citado Moreiras ocupa outro dos lapis da cultura. Naceu en Quiroga en 1914, pois o seu pai fora destinado á oficina de Correos e Telégrafos da vila. A día de hoxe, a rúa na que se sitúa Correos leva o nome do poeta. Aínda que na infancia marcha para Vigo, Eduardo Moreiras terá sempre presente esta terra, á que volvería en numerosas ocasións.

Moreiras escribe sobre cumios, ríos, diferentes paisaxes, etc. Na súa obra destaca o amor pola terra, tamén a quiroguesa, a cal percorre para logo escribir sobre ela, explicaba Celia Díaz en Voces da Terra. Ten, por exemplo, un poema dedicado a Montefurado, mentres que moitos falan dos ríos da comarca.

Río Soldón, de escumas puras / na cascada, ante rochas bermellas, / fita azul / ao pé da serra Rocaboa!

Moreiras. “Coma un sono”

Na casa da cultura localízase o lapis de Ernesto Guerra da Cal, que en realidade se apelidaba Pérez Güerra. Naceu en Ferrol, mais pasou boa parte da infancia en Quiroga -residiu, entre outras, na casa da Botica, onde naceu Moreiras-, algo que o marcaría para sempre, como el mesmo recoñecera e como ben recolle Xosé Estévez en O val de Quiroga e Galiza: na saudade do corazón. De feito, a lembranza das paisaxe quiroguesa vivirá para sempre con el.

A antes citada Celia Díaz chegaba a mencionar a posibilidade de que Federico García Lorca se referise nun dos seus “Seis Poemas Galegos” ao río Sil ao seu paso por Quiroga, precisamente, pola amizade que mantiña con Guerra da Cal. «O poema “Nouturnio do adoescente afogado” parece que se inspira nun suceso real acontecido en Quiroga no ano 1929 que Guerra da Cal lle contou a Lorca», comentou hai pouco en El Progreso ao ser preguntada polo asunto.

Do Lor ao Sil! / que verdor / de orvalho / no mes de Abril!

Guerra da Cal. “Ontem de cor e auga”

Ánxel Fole, considerado pola Real Academia Galega como un dos grandes contemporáneos do relato curto, harmonizou nas súas obras a narrativa popular co pouso culto que lle deparara a lectura de autores como Poe ou Dieste. Con todo, tamén cultivou a poesía e o teatro. Introduciuse na vida política e no galeguismo e, co estoupido da Guerra Civil, deixa Lugo para vivir agochado no Incio, Quiroga e O Courel.

A casa da Veiguiña, onde viviu Fole, nunha imaxe de arquivo / DdQ

Chega á casa da Veiguiña en 1941, acollido pola familia Quiroga, e é nestas terras onde recupera os vínculos co mundo rural e coa literatura oral, de onde el sempre tirou argumentos e técnicas. Nesa casa escribe Á lus do candil. Contos ao carón do lume, unha colección de quince relatos centrados no medio rural galego, abordado desde diversas perspectivas.

MANUEL MARÍA E NOVONEYRA

Por último, tampouco podemos descoidar outros dous nomes. En primeiro lugar, o de Manuel María, que escribiu Sonetos ao Val de Quiroga, integrado por trinta poemas que conforman un canto á beleza e á singularidade do Val de Quiroga: os ríos, vilas, serras, tabernas, festas, etc. Tamén aos antepasados do propio poeta, nomeadamente a súa avoa Consuelo, A Quiroguesa. 

Vila de San Martiño, íntima e breve / coa camelia florida te comparo: / tés gracia e lixeireza de paxaro, / eres pura e sinxela como a neve.

Manuel María. “Vila de San Martiño, íntima e breve”

E, por estarmos a piques de chegar ás datas habituais de celebración da Feira do Viño de Quiroga, tamén é axeitado lembrar o soneto que dedica Manuel María aos caldos do val, que o libraban, escribía, «desa noria pesada e rutinaria que é viver».

Viño quirogués, gustoso de beber, / lévote no paladar e na memoria: / eres o meu desexo, a miña gloria, / a máis pura alegría do meu ser.

Manuel María. “Viño quirogués, gustoso de beber

Completamos esta breve escolma con outro nome fundamental das letras da comarca: Uxío Novoneyra, o poeta do Courel. Por seguir co viño, cómpre lembrar a súa frase «Quiroga é un viño», mais tamén o poemario Os eidos, unha das súas obras máis salientables. Rematamos cuns versos igualmente moi coñecidos:

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! / Eiquí síntese ben o pouco que é un home…

Novoneyra. “Courel dos tesos cumes

NOTA: este artigo foi elaborado a partir de información extraída da Real Academia Galega e traballos de Xosé María Álvarez Cáccamo, Celia Díaz Núñez: (Voces da Terra. Quiroga e os seus escritores, 1995) e Xosé Estevez (O val de Quiroga e Galiza: na saudade do corazón, 2020).

Deixar un comentario