A Xunta desiste do proceso de licitación dos lotes do transporte escolar de Galicia

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


Tras o anuncio da Xunta de desbotar o plan de transporte que se pretendía implantar e que levantara as protestas entre a comunidade educativa do CPI Poeta Uxío Novoneyra, de Seoane do Courel, taxistas e Anpa optaron por poñer fin á campaña de recollida de sinaturas na rede que comezaran a finais do mes de decembro do pasado ano. Neste tempo, aseguran que máis de 8.000 persoas deron o seu apoio a esta reivindicación motivada no «empeoramento da calidade do servizo para o alumnado» que tería o novo plan.

O sistema que propoñía o novo contrato reducía o número de rutas, «co conseguinte aumento nos tempos de traslado», lamentaban dende a Anpa. Outros puntos en contra eran o uso de microbuses de ata 25 prazas, «pouco adecuados ás aldeas e estradas de montaña, que obrigarían a poñer as paradas mais lonxe dos domicilios».

A inclusión do colexio do Courel nun lote xunto con outros 6 de concellos do sur de Lugo implicaba a ollos da Anpa «a condición para poder optar á licitación de dispor dos medios materiais necesarios para cubrilos todos eles, o que na práctica deixaba fora do concurso aos taxistas locais». A perda deste complemento para a rendibilidade do taxis locais «faría perigar tamén a supervivencia deste servizo», declaraban.

Dende a asociación de nais e pais do alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra agardan agora «que a Xunta tire aprendizaxe da experiencia e non repita os erros anteriores na elaboración dos pregos que rexerán o novo Plan de Transporte Escolar», así como que o servizo que se implante no Courel siga mantendo «a calidade necesaria».

MÁIS REACCIÓNS

O voceiro de Caurel Vivo, Óscar Carrete, asegura que isto constata que as «reclamacións e a pesión da Anpa e da xente funcionan» e agarda «que a nova licitación sexa consensuada en cada zona, polo ben dos escolares e para que conserven un transporte de calidade, como o de hoxe». Por último, Carrete agradece «a todas as persoas que fixeron súa a causa», así como a asociacións e grupos políticos e lamenta «que non dimita ninguén».


Imaxe de arquivo

Deixar un comentario