Fernández Montes levará a pleno os parques eólicos que pretenden instalarse na zona

REDACCIÓN | QUIROGA


Xosé Manuel Fernández Montes, voceiro do Grupo Mixto como concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Quiroga, anunciou que levará ao vindeiro pleno unha moción sobre a tramitación e instalación de varios parques eólicos no municipio. Montes sinala que existen varios proxectos que afectarían a zona mesmo coa instalación de aeroxeradores e todos eles «dentro do boom eólico ao que está a asistir Galiza».

O voceiro nacionalista recoñece a «preocupación» existente na súa formación e incide no impacto que terían estes parques eólicos «na zona de amortiguamento do BIC Ribeira Sacra, incluído Montefurado, e afectacións de distinto grao ao Camiño de Inverno», entre outros perigos. Fernández Montes fala de «abuso de poder por parte das grandes multinacionais eléctricas» e asegura que «o retorno en termos económicos da produción de enerxía eólica é moi reducido».

A través desta moción, o BNG solicitará ao consistorio máis información e que presente alegacións. Por outra banda, presentarán un rogo centrado na dinamización do emprendemento no municipio.


Imaxe ilustrativa

Deixar un comentario