Asoc. A Volta Grande recolleu medio milleiro de alegacións contra os eólicos de Barjas

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


Máis de 500 veciños dos concellos de Folgoso do Courel e Quiroga, na provincia de Lugo; Compostela, Cambre, Abegondo e Ribeira, na Coruña; Soutomaior, Redondela e Cangas, na de Pontevedra, e O Barco de Valdeorras, Ourense, presentaron alegacións nos seus rexistros contra o parque eólico que se construirá no concello leonés de Barjas. Fixérono «nunha acción de resposta colectiva contra a instalación de macroparques eólicos que afectarían de forma irreversíbel o Courel e o Bierzo», sinalan responsables do colectivo A Volta Grande do Courel, que xunto con outras plataformas está abandeirando a oposición contra este proxecto eólico.

«Non se trata de simples sinaturas; cada unha destas alegacións persoais representa un esforzo e un compromiso na defensa do Courel, especialmente na situación de restricións pola pandemia», sinalan dende A Volta Grande, que considera «exemplar» a resposta veciñal, que, ao seu xuízo, «anuncia unha oposición masiva diante deste conflito que ameaza con impactar gravemente no patrimonio social, natural, cultural e paisaxístico».

No municipio leonés de Barjas, «xusto no límite de Rede Natura», a compañía estatal noruega Statkraft pretende instalar 22 aeroxeradores. «Son muíños de última xeración de máis de 200 metros de altura, tres veces a catedral de Santiago», explican dende a asociación. Explican que non poñen en dúbida «a necesidade dun modelo enerxético máis limpo e renovábel», mais pensan que «os intereses empresariais das corporacións non poden estar por riba da protección dos recursos ambientais e patrimoniais da zona».

«Lugares de alto valor social e natural, como o val de Visuña, o faial de Busmaior, ou o Cebreiro, sufrirán agresións que non teñen volta atrás, cun impacto que, se non o evitamos, porá en perigo as fontes, afectará a economía local, trastornará a vida da poboación e afectará a paisaxe e a fauna e flora local», detallaron.


Imaxe: entrega de alegacións na casa do concello de Folgoso do Courel / Cedida

Deixar un comentario