Os encoros da zona ao 90% da súa capacidade tras as fortes choivas destes días

REDACCIÓN | QUIROGA


Os pouco máis de corenta días que levamos deste ano xa demostran que o 2021 está a ser especialmente chuvioso. No pasado mes de xaneiro recolléronse na estación de MeteoGalicia na Conchada máis de 181 litros por metro cadrado, segundo a RTMQ. Nestes primeiros días de febreiro tamén está a ser especialmente significativa a cantidade de auga caída: xa van 212 litros por metro cadrado, moi lonxe dos 38 que se recolleron en todo o mes de febreiro do pasado ano.

En xaneiro houbo xornadas que destacaron pola cantidade de precipitacións caídas en forma de choiva. Os días 22, 25 e 30 roldáronse e incluso se superaron os 25 litros por metro cadrado; mentres que este martes chegouse aos 38. Soamente entre as seis e as sete da mañá recolléronse 5,8 e entre as once da noite e a media noite chegouse ata os 8 litros por metro cadrado.

As fortes choivas desencadearon un aumento do do nivel dos encoros. No de Sequeiros, na xornada de onte rexistrábanse dez hectómetros cúbicos, case o 91% da súa capacidade, segundo a RTMQ. As presas de Montefurado e San Martiño tamén se atopaban a arredor do noventa por cento da súa capacidade, con nove hectómetros cúbicos cada un.

Deixar un comentario