O BNG quirogués organiza un concurso de debuxo arredor da figura de Castelao

REDACCIÓN | QUIROGA


Con motivo da celebración do Día da Ilustración, o pasado 30 de xaneiro, así como a conmemoración dos 135 anos do nacemento do intelectual Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dende o BNG de Quiroga convocan un certame de debuxo dirixido a todos os públicos e estruturado en dúas categorías: menores de doce anos e maiores de doce.

As persoas participantes deberán enviar as súas ilustracións de Castelao ao enderezo electrónico quiroga@bng.gal, indicando a súa idade. A participación está aberta ata o vindeiro 8 de febreiro. Unha vez remate o prazo, os debuxos serán publicados en Facebook o levarán o premio os que obteñan mías gústames nesta rede social. A recompensa serán dous vales -un por categoría- por importe de vinte euros para mercar nas librarías locais.

Anteriormente, con motivo do Día das Letras Galegas, e coa figura de Carvalho Calero como tema central, dende a agrupación local do BNG xa convocaran un concurso deste tipo, que contou cunha notable participación.

DÍA DA ILUSTRACIÓN

O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. A protagonista deste ano é Lolita Díaz Baliño.

Díaz Baliño foi unha pioneira artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época. Criouse nunha familia de artistas, e destacou desde moi nova na fotografía e na pintura. En 1938 ingresou como académica na Real Academia Galega de Belas Artes; xunto a Carme Corredoyra, é a primeira muller en facelo.


Imaxe: Retrato de Castelao preparando as máscaras para Os vellos non deben de namorarse. Fonte: Acuña Rodríguez, Xosé Enríque (2000): As imaxes de Castelao. Fotobiografía. Vigo: A Nosa Terra.

Deixar un comentario