Datos do Sergas: Quiroga xa supera os 100 casos Covid tras sumar 8 novos nun día

REDACCIÓN | QUIROGA


Quiroga rexistra un novo aumento de casos de Covid-19 en 24 horas. Neste caso, supón que o municipio supera a barreira dos cen casos activos. A última actualización do Sergas, con datos de onte mércores ás 18:00 horas, indica que o número de casos diagnosticados en Quiroga nos últimos catorce días é de 103.

Son, polo tanto, oito positivos por coronavirus máis que onte, cando a información proporcionada polo Servizo Galego de Saúde na páxina destinada á difusión destes datos, amosaba un total de 95 casos detectados por PDIA (Probas Diagnósticas de Infección Activa) no municipio.

Ante o elevado número de casos e unha incidencia disparada, o concello de Quiroga informou este mércores que o Sergas realizará dende o vindeiro luns un cribado masivo da poboación do municpio. Segundo a información facilitada polo consistorio, Sanidade estaría «organizando como se realizará e onde, así como cal é a poboación susceptible de facelo».

Todo apunta, di o concello, «que serán probas de antíxenos». Con todo, sinalan, «o único claro polo momento é que se realizará polas tardes a partir do luns e que será persoal do Sergas o que se poñerá en contacto coas persoas que terán que facelo para comunicarlles cando e onde deberán facer as probas».

MÁIS DATOS. En Ribas de Sil hai 16 nos últimos catorce días, mentres que en Folgoso do Courel hai entre 1 e 9 casos, tamén segundo os datos públicos do Sergas.


Imaxe de arquivo

Deixar un comentario