As maiores riadas do Sil en San Clodio datan dos anos 1909 e 1959, segundo Cao

C.G. | QUIROGA / RIBAS DE SIL


As precipitacións, sumadas á neve das zonas máis altas, que co aumento das temperatura está a derreter, provocaron un aumento considerable do caudal dos ríos da comarca, algo especialmente visible este venres. O río Quiroga rebordou na xornada de onte en varios tramos do paseo fluvial e, en San Clodio, o Sil ameazou por momentos o Restaurante Praia Fluvial. «Despois do susto de onte e pasar toda a noite en vilo, afortunadamente a auga non chegou a entrar no local e seguimos funcionando», sinalaron hoxe os responsables do mesmo.

De feito, tal e como amosan as imaxes compartidas por este restaurante nas redes sociais, o nivel da auga medrou ata case alcanzar a altura da terraza. Este sábado o caudal xa era menor e na Praia Fluvial o Sil xa deixara ao descuberto a estrada que transcorre paralela ao río. Con todo, aínda se podía ver mobiliario (sinais, bancos, varandas…) parcialmente baixo as augas.

O profesor de San Clodio Manuel Cao explicou a Diario de Quiroga que este tipo de riadas son habituais nestas época do ano. No ano 1959, sinala, foi cando se produciu unha das maiores riadas en San Clodio, que chegou a cubrir a zona que actualmente ocupa a área de estacionamento de autocaravanas e o parque infantil. Foi tal a súa magnitude que a acumulación de sedimentos «deixou unha capa de area duns 30 centímetros».

Con todo, os veciños e veciñas de maior idade, lembra Cao, contaban que a maior crecida do Sil ao seu paso por San Clodio databa de 1909. «Foi un ano de moita auga, en Monforte o río Cabe desbordouse e entrou pola rúa do Comercio ata chegar á praza de España», explica.

O río Lor tamén presentaba esta mañá un elevado caudal, como amosa este vídeo de Raúl Carballedo.


Imaxe: Praia Fluvial de San Clodio está mañá / DdQ

Deixar un comentario