Montañas do Courel seguirá sendo o único xeoparque en territorio galego

REDACCIÓN | QUIROGA


Dende a súa declaración oficial, en abril de 2019, Montañas do Courel é o primeiro e único xeoparque en territorio galego e así seguirá sendo, polo menos, unha temporada máis. Isto débese a que a Comisión Nacional de Cooperación coa UNESCO decidiu non presentar ás Nacións Unidas a candidatura do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. Tamén foron denegadas as outras dúas propostas: Vales de Cantabria e Costa Quebrada, ambas as dúas na comunidade cántabra.

Montañas do Courel conseguiu converterse en Xeoparque no primeiro intento e 260 días despois da visita dos dous avaliadores da UNESCO, a francesa Sophie Justice e o chino Zhang Jianping, o que aínda lle dá un maior mérito. Ao ser unha candidatura que se presentaba por primeira vez, unha das posibilidades era que o nomeamento non se conseguise no primeiro intento. Isto supoñería que a UNESCO daría unha serie de recomendacións e, de cumprilas no prazo fixado, o territorio si pasaría a formar parte deste selecto grupo.

Precisamente, o proxecto de Cabo Ortegal recibirá proximamente un documento que recollerá os aspectos que deben redefinir e as cuestións formais que deben incorporar ás propostas, de cara que conten «co rigor e a madureza suficientes para poder ser seleccionadas finalmente como Xeoparques Mundiais», apunta a carta da comisión.

A decisión de non admitir ningunha das candidaturas obedece, segundo sinala a comisión, a que tampouco ningunha delas alcanzou «o consenso necesario» entre os membros do Comité Nacional Español de Xeoparques, que destacan «o alto grao de autoesixencia e prestixio» alcanzado por España dentro do programa internacional.

Deixar un comentario