Quiroga recupera un camiño empregado para baixar o ferro do Monte Formigueiros

REDACCIÓN | QUIROGA


Coa sinalización mediante franxas paralelas na ruta da Seara a Rugando (PR-G 191), Quiroga recuperará un camiño que durante séculos se empregou para baixar o mineral de ferro desde os xacementos do Monte Formigueiros ata as ferrerías do Mazo, Soldón, Outeiro e Rugando. Foi a principal vía de comunicación dende as zonas de montaña ata o val do Sil.

Por outra banda, o vindeiro ano está proxectada a limpeza do Camiño Tradicional de Vilarbacú ao Pía Páxaro. Esta ruta será sinalizada e colocaranse paneis interpretativos da antiga explotación de antimonio, unha das máis importantes de España, que chegou a ter unha produción de 260 toneladas de mineral antes do seu abandono no ano 1958.

Estas actuacións enmárcanse nun proxecto que se encargará da limpeza, sinalización, recuperación de elementos danados e creación de pequenas infraestruturas en sete rutas de sendeirismo que transcorren, todas elas, nos terreos da Rede Natura 2000. De feito, o 36,83% da superficie do municipio de Quiroga forma parte desta rede de conservación da biodiversidade.

A primeira parte do proxecto xa está en marcha e céntrase nas rutas homologadas do Val do río Quiroga, do Pregamento Xeolóxico de Campodola, da Lagoa da Lucenza, na ruta do Ferradal e na ruta Circular Montouto (PR-G 218). Nesta última, que recorre os bosques autóctonos das devesas de Montouto, Mazales e o Cervo, está proxectada a instalación dun paso de madeira ou a limpeza do entorno, entre outros.

A segunda parte do proxecto, que se levará a cabo na vindeira anualidade, consistirá na recuperación de elementos danados e a creación de pequenas infraestruturas. Inclúe os traballos de limpeza, consolidación e canalización das augas na Fonte da Cal e no Forno da Cal de Cereixido.


Imaxe: ruta entre Leixazós e Campodola / Arquivo DdQ

Deixar un comentario