O inventario do Xeoparque Montañas do Courel recolle 239 alvarizas no territorio

C.G. | QUIROGA


O territorio do Xeoparque Montañas do Courel conta con 239 alvarizas inventariadas. Son construcións de pedra moi antigas que se levantaban para salvar as colmeas dos ataques dalgúns animais. Estas estruturas circulares, como a da imaxe sobre estas liñas, localizada na zona de Eiriz (Folgoso do Courel), están fabricadas con cachotería da rocha do sustrato do lugar onde se atopan.

As alvarizas poden presentar diferentes dimensións. As súas paredes teñen arredor de dous metros de altura e están coroadas por unha lousa plana, que se colocaba para dificultar o acceso e impedir que entre a auga no muro. As xentes da zona, explican dende o Xeoparque, «pasaron moitísimo traballo levantando estas estruturas para evitar que animais como os osos, raposos ou xabaríns comesen o mel das colmeas que albergaban». Ademais, os muros das alvarizas funcionaban tamén como protección contra os refachos de vento e a choiva.

O pasado ano as alvarizas da comarca saltaron á pequena pantalla, chegando a máis dun millón de fogares de toda España grazas á emisión do programa «Volando voy», que presenta Jesús Calleja en Cuatro. Un dos obxectivos deste episodio era recuperar e poñer en valor estes elementos do patrimonio histórico. Para elo, numerosos veciños e veciñas do concello de Folgoso do Courel axudaron a Calleja a reparar unha antiga alvariza, que dende entón volve estar en funcionamento.

Ademais, en Quiroga foi rehabilitada e rozada no verán de 2018 unha alvariza localizada en Bustelo de Fiesteus, que se atopa na parroquia homónima. Dos traballos encargáronse as e os participantes no campo de voluntariado que acolleu o municipio durante a época estival. Este foi un dos recursos que máis chamou a atención dos avaliadores da Unesco que se achegaron á zona para determinar se Montañas do Courel merecía contar coa distinción de xeoparque. En Santa Eufemia, Folgoso do Courel, tamén se conserva en moi bo estado a alvariza da Granxa.

O MEL DO XEOPARQUE

O mel é un dos principais recursos da comarca e está a coller certa sona. A súa demanda é elevada e moitos dos turistas que chegan a Quiroga interésanse por ela, explica Alejandro López, técnico en turismo. «Veñen preguntando onde a poden mercar, é moi positivo que xa coñezan este produto», explica.

Pedro Soto, apicultor de O Ivedo, lamentaba no mes de agosto, durante a celebración da Mostra do Mel, que «non hai mel para abastecer o mercado». Ademais da elevada demanda do produto, isto débese, entre outras cuestións, ao cambio climático. «A floración vén moi cedo e descompensada, cando as abellas acaban de saír do inverno. As raíñas non comezan a poñer ovos ata que chega a calor», sinalaba Soto.


Imaxe: alvariza na zona de Eiriz, en Folgoso do Courel / Xeparque

Deixar un comentario