Presentan o novo obradoiro de emprego xuvenil, no que participan 16 mozos

REDACCIÓN | QUIROGA


Esta mañá foi presentado en Folgoso do Courel o obradoiro de emprego xuvenil Montañas do Courel, promovido polos tres concellos da comarca. Este taller iniciaba hoxe a súa actividade coa participación de 16 mozos e mozas menores de 30 anos que durante doce meses recibirán formación e disporán dun contrato de traballo.

O obradoiro traballará na especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. As actuacións que levarán a cabo durante os vindeiros meses centraranse na conservación e mellora de camiños municipais e outros espazos públicos dos tres municipios.

En Folgoso do Courel está previsto que traballen en varios núcleos das parroquias de Esperante (Campelo, Mostaz, O Carbedo, Liñariños e Esperante), Seoane do Courel (Moreda e Mercurín), Meiraos (Miraz de Arriba, Pedrafita do Courel, Vilasibil e o propio Meiraos), así como en Sobredo, Santa Eufemia e Noceda. No caso de Ribas de Sil, as accións desenvolveranse na ribeira do Sil, en regueiros de San Pedro e en Pumares, en San Clodio. Por último, en Quiroga tamén actuarán en diferentes núcleos rurais do concello.

O proxecto está promovido polos tres concellos e é financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade cunha achega de 369.500 euros. Ademais do alumnado, conta cun posto de dirección, un de administración e tres monitores.

Por outra banda, a finais de ano comezará na comarca un obradoiro dual de emprego que levará o mesmo nome que o presentado hoxe e ofrecerá formación e emprego a 20 persoas durante nove meses. As e os participantes contarán cun contrato de traballo e ao finalizar poderán acreditar as ensinanzas recibidas cun certificado de profesionalidade.


Imaxe: presentación do obradoiro esta mañá / Xunta

Deixar un comentario