Bota a andar un proxecto para afondar na memoria das mulleres do Courel

C.G. | FOLGOSO DO COUREL


No marco do proxecto «Laboratorios Cidadáns Distribuídos», xurdido da colaboración entre o Ministerio de Cultura e Deporte e Medialab Prado, un laboratorio que funciona como lugar de encontro para a produción de proxectos culturais abertos, nace o Arquivo da Memoria das Mulleres do Courel, que ten por obxectivo a elaboración de documentos fundacionais nos que mulleres courelás entrevisten ás súas veciñas sobre a vida cotián.

A Fundación Uxío Novoneyra convidou a participar no nacemento deste proxecto para o cal aseguran que lles interesa «coñecer a memoria das mulleres nos espazos público e privado». Entre os aspectos nos que desexan profundar están algúns coñecementos sobre a vida cotián: «os traballos e os coidados, o lecer das festas e outras celebracións, tamén queremos coñecer máis sobre os topónimos, o saber popular, a escola; e preguntarlles, finalmente, sobre a emigración e o despoboamento que forman parte da historia da comunidade durante os últimos tres séculos». Por último, tamén queren que recuperen feitos esquecidos ou «os restos da memoria durmida ou silenciada pola comunidade».

Para comezar co traballo teñen previsto recoller unha pequena mostra da memoria das mulleres de Folgoso do Courel, onde, segundo os datos que manexan, «viven 1024 habitantes, 494 son mulleres cunha idade media de máis de 58 anos». Pretenden «construír unha memoria diversa e implicar no proxecto a mulleres de idades e pobos distintos» para tecer un arquivo co cal «impulsar un futuro en igualdade, onde o coñecemento non se perda, afianzando saberes, referencias e referentes de proximidade que tezan unha rede a través do recoñecemento dos saberes entre as mulleres courelás», explican.

As mulleres residentes no Courel que lles interese implicarse neste proceso de recollida e elaboración do arquivo teñen aberto o prazo para apuntarse ata o 10 de novembro, a través do correo electrónico arquivo@uxionovoneyra.com ou chamando ao teléfono de contacto 659 888 709.

En Galicia, ademais deste arquivo, tamén se desenvolverá outro Laboratorio cidadán incluído neste programa. Será o ReviveBaiuca, no concello de Arteixo, na provincia da Coruña. Porén, esta iniciativa non se reduce ao ámbito estatal, senón que se desenvolve dende diferentes países e con temáticas variadas durante os meses de novembro e decembro.


Imaxe: retrato de Nieves de Álvarez, veciña de Parada, nunha imaxe de Federico García Cabezón / Fundación Novoneyra

Deixar un comentario