Un novo tren permitirá ir de San Clodio a Monforte polas mañás dende este martes

REDACCIÓN | RIBAS DE SIL


Este martes entrarán en funcionamento novos servizos de Renfe, entre os que está un tren que conectará as cidades de Vigo e Ponferrada. No transcurso da viaxe, que terá unha duración total de cinco horas e doce minutos, unha das numerosas paradas do itinerario será a estación de ferrocarril de San Clodio-Quiroga.

Á ida, de camiño a Vigo, o tren pasará por San Clodio cada día ás 7:33 horas. As persoas que monten nese momento terán a posibilidade de baixar en estacións como Monforte de Lemos ou Ourense, entre outras, antes de chegar á cidade olívica. Para a volta, dende Vigo ao Bierzo, o convoi pasará por Ribas de Sil ás 18:10 horas e por Montefurado ás 18:24, permitindo chegar a núcleos como A Rúa ou O Barco de Valdeorras, antes de rematar a viaxe en Ponferrada.

Para as veciñas e veciños de Ribas de Sil e Quiroga este tren achega a posibilidade de viaxar a Monforte polas mañás, xa que ata este momento as únicas opcións para chegar á cidade do Cabe eran coller o rexional express das 19:51 horas ou o media distancia ou Alvia que pasan ás 19:59 horas. A partir do martes, e sempre segundo a listaxe da web de Renfe, elimínase o citado rexional express das 19:51 horas e mantéñense os outros dous.

Recentemente, producíronse numerosas protestas na veciña comarca de Valdeorras ante un novo episodio de desmantelamento de servizos no rural por parte de Renfe. Neste caso, foi o peche da venda de billetes atendida por persoal no Barco e da Rúa. Finalmente, após a mobilización da veciñanza, a operadora anunciaba que estas estacións terán persoal de asistencia, temporalmente, para o uso das máquinas de autovenda de billetes. Unha resposta que non contentou á comarca.

Deixar un comentario