BBVA pechará a sucursal de Quiroga e pasará a xestionala unha axente autorizada

REDACCIÓN | QUIROGA


A través dun comunicado enviado por correo electrónico aos seus clientes, o BBVA anuncia o peche da sucursal de Quiroga «proximamente». Con todo, o local que ahora acolle a oficina da entidade na vila quiroguesa, localizado no número 68 da rúa Real, permanecerá aberto, agora xestionado por unha axente autorizada.

Na información remitida aos seus usuarios, o banco asegura que se poderán seguir realizando as operacións máis habituais. O motivo ao que fan referencia para xustificar este peche é que o obxectivo que perseguen «é que o teu día a día co banco sexa o máis sinxelo e cercano posible», din no correo. Nel tamén explican que as contas, depósitos e contas de crédito manterán a numeración actual, e, por último, recordan que a oficina máis próxima será dende agora a de Monforte de Lemos.

Cando se faga efectivo o peche, en Quiroga só quedará ABANCA con sucursal propia. Hai algo máis dun ano, nos primeiros días de outubro de 2019, o Banco Santander fechaba a oficina de Quiroga, situada na Rúa Real, número 57, Fíxoo co mesmo método que agora emprega o BBVA, deixando unha axente colaboradora encargada de supervisar os produtos contratados polos clientes da entidade.

Segundo información recollida por Cinco Días, entre este ano e o próximo os bancos pecharán arredor de 4.000 oficinas repartidas por todo o Estado, no marco dunha «reestruturación e revolución» da banca española. Cando remate o vindeiro ano, o número de sucursais en funcionamento será similar ao de 1997, uns vintecinco anos antes.


Imaxe: sucursal do BBVA en Quiroga / DdQ

Deixar un comentario