Dúas actividades de «A Caída da Folla» terán lugar en Quiroga e Ribas de Sil

REDACCIÓN | QUIROGA


O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra presentou unha nova edición do programa A Caída da Folla. «Adaptado á nova normalidade, xa que este ano o número máximo de participantes nas actividades limitarase a 9 persoas (máis un monitor ou guía) e, por suposto, extremaranse as medidades de seguridade e hixiene», sinalan dende o Consorcio de Turismo.

As actividades comezan hoxe en Taboada, mais prolongaranse ata finais de novembro. Entre tanto, A Caída da Folla fará dúas paradas na comarca. A primeira delas será en Quiroga o vindeiro sábado, 24 de outubro, e consistirá nun paseo polos oliveirais do val e a posterior visita a unha almazara, onde se realizará unha cata de aceites con pan da zona. Xa de tarde, visitarase un taller de artesanía con madeira de oliveira e o tradicional muíño de Bendilló.

A actividade ten un custo de quince euros, xantar incluído, e celebrarase entre as dez e media de mañá e as catro e media da tarde. Os desprazamentos faranse en vehículos particulares por mor das medidas sanitarias. Cómpre sinalar que se repetirá coas mesmas características e o mesmo programa o domingo 8 de novembro.

Por outra banda, Ribas de Sil acollerá un curso de orientación en montaña impartido porDavid Caballero. Terá unha duración de 3 días, comezando desde o máis básico ao máis avanzado, e vai dirixido «a aqueles que pensan que é imposible aprender orientación», explica o Consorcio de Turismo. Os horarios son os seguintes: venres de 17:00 a 20:00 horas, sábado de 8:30 a 19:00 horas e domingo de 08:30 a 15:00 horas. O custo é de 30 euros e inclúe o xantar do sábado e domingo.

As reservas para participar nestas actividades, así como nas demais que completan o programa farase a través do correo electrónico turismo@ribeirasacra.org.


Imaxe: souto nunha aldea de Quiroga en outono / DdQ

Deixar un comentario