Montañas do Courel organiza un «Outono Xeolóxico» con ponencias e varias saídas

C.G. | QUIROGA


Montañas do Courel prepárase para un outono cheo de actividades no seu territorio. Un amplo e variado programa que se desenvolverá en tres fases, unha cada mes e en cada un dos concellos do territorio. O nome escollido para bautizar esta proposta, que combinará ponencias con saídas sobre o terreo para achegarse a coñecer in situ algúns dos principais recursos do Xeoparque é Outono Xeolóxico.

San Clodio, capitalidade de Ribas de Sil, acollerá a primeira sesión. Será o sábado 26 de setembro e xirará arredor da minería aurífera. Intervirán Mercedes Fuertes, da Universidade de Oviedo; Luis López, de Terra Arqueos SL, e o arqueólogo Iván Álvarez Merayo, cuxa ponencia abordará o proxecto do CIMAR, o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana que albergará o Xeocamping de Ribas de Sil. Pola tarde visitaranse varios puntos de interese no sur do Xeoparque, como Sequeiros, Margaride e o miradoiro de Pena do Ladeiro.

Os días 3 e 4 de outubro serán protagonistas en Quiroga o glaciarismo, do que dará boa conta o catedrático da USC Augusto Pérez, e a vexetación do pasado das terras das Montañas do Courel. Luisa Santos, dende a Universidade da Coruña, ofrecerá unha conferencia sobre a lagoa de Lucenza, lugar que será visitado posteriormente. Para o domingo queda unha saída pola zona da Seara e mais Vieiros.

Para a fin de semana do 21 e 22 de novembro está programada a cita de Folgoso do Courel. Serán obradoiros formativos sobre as idades xeolóxicas e as rochas do Xeoparque. Haberá contidos teóricos e prácticos, coas visitas a Vilarbacú, A Seara, Visuña, Céramo, Froxán e Seceda. Estes talleres estarán impartidos por Ramón Vila, Xosé Carlos Barros e Daniel Ballesteros.

A inscrición para este Outono Xeolóxico é gratuíta pero obrigatoria, e débese realizar a través do correo info@ribeirasacracourel.es. Cómpre indicar o nome completo, lugar de procedencia, DNI e xornada na que se quere participar. As prazas son limitadas, e asignaránse por orde de inscrición. Para as xornadas de Ribas de Sil hai 40 prazas, cincuenta para as de Quiroga e 25 para as de Folgoso do Courel.


Imaxe: miradoiro de Pena do Ladeiro / Arquivo DdQ

Deixar un comentario