As Xornadas Científicas do Camiño de Inverno deste ano estarán dedicadas a Quiroga

REDACCIÓN | QUIROGA


A Asociación do Camiño de Inverno por Ribeira Sacra presentaou as súas XVII Xornadas Científicas do Camiño de Inverno, que se celebrarán o próximo 13 de setembro tendo a Quiroga como eixo central. Os participantes estudarán e observarán, con visitas guiadas, diversos puntos de interese etnográfico, histórico e paisaxístico do municipio.

Así, contémplase no completo programa, que se desenvolverá nunha soa xornada, debido á situación que marca a pandemia, visitar a aldea de Seara, a fervenza e muíño de Vieros, a alvariza e miradoiro de Bustelo, o complexo mineiro romano de Margaride ou o Museo Etnográfico de Quiroga. Ademais de limitar o tempo a unha soa xornada, tamén se limitan as prazas, cun máximo de 25 participantes.

Levaranse a cabo dúas catas-degustación comentadas. Unha, sobre varias tipoloxías de aceites da comarca de Quiroga, dirixida polo profesor José Espinosa, e outra, sobre viños desta terra, que terá lugar na adega EDV 2015, dirixida por Pablo González.

O evento, ademais de incorporar as normas que marcan as autoridades sanitarias sobre prevención de contaxios con distanciamento, máscara ou xel hidroalcohólico, ten a súa celebración suxeita á evolución da pandemia, podendo suspenderse e con dereito a devolución das inscricións correspondentes.

A inscrición farase chamando previamente aos teléfonos de contacto que se indican o programa (608 575 965), desde o día 29 de agosto ao 10 de setembro e o custo é de 25 euros incluíndo o traslado en microbuses, comida, visitas guiadas e catas.


Imaxe: presentación do evento / Asoc. Camiño de Inverno por Ribeira Sacra

Deixar un comentario