A ampliación do Museo Xeolóxico de Quiroga será presentada o sábado

C.G. | QUIROGA


O Museo Xeolóxico de Quiroga reabre este sábado as súas portas uns meses despois de ter pechado por mor das obras de ampliación que se levaron a cabo no seu interior e que permitiron sumar aos 120 metros cadrados da instalación orixinal, outros 130, polo que a súa superficie total é agora de 250 m2. Uns traballos que tamén se viron afectados pola pandemia e que unha vez chegaron á súa fin permiten aumentar considerablemente o seu espazo expositivo desde museo.

Os contidos seguen a mesma estrutura argumental que tiña o museo orixinal, servindo de fío condutor os principais recursos xeolóxicos, xeomorfolóxicos e paleontolóxicos do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel. Ademais, incorpórase unha sala-aula de audiovisuais con capacidade para unhas 30 persoas.

O consistorio organizará o sábado un acto de inauguración deste amplicación e dedicará unha das novas salas a Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e profesor emérito da Universidade da Coruña. O espazo que levará o seu nome estará centrado nas primeiras ocupacións humanas da zona. Este recoñecemento vén motivado, sinalan dende o concello, «pola súa dedicación como investigador dende hai moitos anos nas Montañas do Courel» e, máis en concreto, «por encabezar a lista do equipo que investigou numerosos restos fósiles na contorna do Xeoparque e o resto das montañas do Courel».

Para a inauguración está tamén invitado o Conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez. Intervirán, ademais de Vidal Romaní, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e Ramón Vila, director do Museo Xeolóxico, que abrirá o acto. Ao remate deste, descubirase unha placa na fachada do museo e visitaranse as súas instalacións co correspondente acto protocolario de dedicatoria da sala temática a Vidal Romaní.

En cinco salas

O Museo Xeolóxico é un dos piares do Xeoparque Montañas do Courel e forma parte da súa rede de museos e centros de interpretación. Inclúe os contidos xeolóxicos máis representativos da contorna, ordenados do máis antigo ao máis moderno, en cinco salas.

A primeira delas está centrada na formación xeolóxica de Galicia, o Sinclinal da Serra do Courel e as rochas do territorio; e a segunda na Historia paleontolóxica de Galicia, a evolución da vida, o rexistro fósil do Xeoparque e o Paleozoico e Cuaternario no seu máximo esplendor. A seguinte aborda os cambios climáticos cuaternarios na zona, prestando atención ás pegadas da Última Glaciación. Na cuarta sala son protagonistas as primeiras ocupacións humanas de Galicia e do Xeoparque, con algunha das máis sorprendentes investigacións realizadas en Galicia nos últimos anos. A sala final está dedicada á minería antiga e recente no territorio.


Imaxe: fachada do Museo / DdQ

Deixar un comentario