O albergue de Quiroga acollerá este verán campamentos para rapaces

O albergue municipal de Quiroga acollerá nos vindeiros meses dous campamentos de verán organizados pola Xunta e dirixidos a rapaces e rapazas que nacesen entre os anos 2009 e 2011. Terán lugar en dúas quendas, a primeira será do 17 ao 24 de xullo e a segunda do día 27 dese mes ao 3 de agosto.

Este ano están organizados con diferentes propostas, cada unha contará cunha programación con actividades diferentes. “Explora o Courel” será o que teña a súa base en Quiroga, un multiaventura con aula de natureza, tiro con arco, actividades de auga ou olympic games, entre outras.

Dende a Xunta explican que a decisión de convocar este verán os campamentos foi consensuada co Comité Clínico, que ve viable a súa realización sempre que se garantan as medidas establecidas polas autoridades sanitarias.

Son 1514 as prazas que oferta a Consellería de Política Social para este tipo de actividades na provincia de Lugo, un número inferior ao de anos anteriores debido á limitación do aforo por mor da crise sanitaria.

O obxectivo é garantir a distancia interpersoal entre participantes e equipo técnico; reforzarase o persoal monitor, que estará previamente formado e traballará con grupos de ata 15 participantes, ademais de incrementaranse as medidas hixiénico-sanitarias de carácter persoal e na propia instalación.

Co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, as mozas e mozos galegos con discapacidade, en función das limitacións que presenten, poderán decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión.

A Consellería abre hoxe o prazo de solicitudes, que se prolongará durante sete días hábiles. A oferta completa, que no conxunto de Galicia ascende a 6872 prazas, pode consultarse no portal de xuventude da Xunta de Galicia.

Deixar un comentario