Constituída a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque

Éxito rotundo na convocatoria organizada este venres en Quiroga pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel, que contou con arredor de sesenta participantes, a fin de presentar este novo proxecto. Estes días tiveron lugar reunións similares en Folgoso do Courel e Ribas de Sil, tamén con boa participación.

Miguel Ángel Garrido, que exercerá a presidencia, defendeu a importancia de unirse nestes complicados momentos. «Temos que empezar a arrancar con pequenos pasos», manifestou. A idea que ten a directiva, que mudará cada dous anos, é levar a cabo xuntanzas periódicas, nas que expoñer ideas e intercambiar impresións.

Entre as primeiras ideas da asociación teñen actividades como unha noite branca, un certame de escaparates, involucrar aos veciños nun concurso de fachadas ou bonos de compra, entre outras propostas que irán dando a coñecer. Tamén falaron da posibilidade de organizar eventos como outlets ou feiras de Nadal.

Garrido deulle tamén especial importancia ao feito de dispoñeren canto antes dunha páxina web posicionada na rede, «queremos arrancar con ela canto antes», indicou. Un espazo, dixo, no cal poñer en valor o territorio e combinar información sobre o comercio da zona, o turismo, a contorna e acompañalo con ligazóns ás páxinas de cada empresa adherida á asociación. «A idea é aparecer cando a xente buscar Courel ou Xeoparque», explicou.

En canto ao estatutos que rexerán o funcionamento da asociación, Garrido dixo que xa tiña «o pre visto bo das institucións», e que só tiveran que levar a cabo pequenas modificacións de pouca importancia que, en todo caso, xa foran resoltas. Os futuros socios e socias poderán consultalos hoxe mesmo.

Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel 12062020 1
Asistentes á xuntanza da Asociación / Diario de Quiroga

As persoas que se achegaron á casa de cultura este venres traballan en sectores moi diversos, dende tendas de roupa a farmacias, establecementos de hostalaría ou librarías, pasando por empresas ligadas ao sector turístico. Hai que lembrar que esta asociación non só abrangue o comercio, senón todo o tecido empresarial da comarca.

A asociación conta tamén co apoio do Xeoparque Montañas do Courel, do que toma o seu nome, e xurdiu a partir da plataforma Quiroga Comercio Online, que naceu coa intención de facer de ponte entre consumidores e establecementos durante o confinamento, cando as tendas tiveron que pechar as súas portas.

 

Deixar un comentario