Sete novos contratos na comarca ao abeiro do programa Aprol Rural

O programa Aprol Rural, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, permitirá que 11 concellos da Zona Sur da provincia de Lugo contraten a 23 persoas desempregadas grazas a un investimento de 317.200 euros. A través deste programa, a administración autonómica asume a totalidade dos custes salariais dos novos contratos, que terán unha duración de 9 meses a tempo completo.

Na presente convocatoria, segundo explican dende o Goberno galego, o Aprol Rural ten unha dobre perspectiva: a de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras que nel participen, e a dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

En concreto, na comarca serán sete os contratos que se asinen ao abeiro deste plan. Folgoso do Courel asume tres deles, e un investimento superior aos corenta mil euros. Quiroga e Ribas de Sil, con dous contratos cada concello, contarán cun investimento de 27.500 euros.

De feito, as novas contratacións dirixiranse á realización de tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios e co control das masas forestais nas denominadas faixas secundarias. A maior parte dos contratos teñen por obxecto a realización de tarefas de acondicionamento forestal, planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión de biomasa.

O programa tamén favorece aos concellos que forman parte da iniciativa de municipios emprendedores Doing business, un convenio dirixido a fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia. Aqueles que participan neste convenio recibirán, como mínimo,  axudas para efectuar dúas contratacións.

1 comments

Deixar un comentario