Quiroga contratará cinco persoas perceptoras da RISGA

Quiroga contratará a cinco veciños e veciñas do concello en risco de exclusión social perceptores da renda de integración social de Galicia (Risga) e Ribas de Sil a un.

En total, en dez concellos das comarcas de Quiroga, Chantada e Terra de Lemos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria facilita a contratación de 45 persoas perceptoras desta renda, obxectivo para o que destina un investimento de 617.500 euros. Monforte de Lemos asume a metade das contratacións, con 20 contratos  e un orzamento de 317.800 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a medida busca «favorecer a inserción laboral destas persoas proporcionándolles a práctica profesional necesaria, a través dun contrato laboral que será subvencionable durante 9 meses».

A asignación dos recursos, din dende a Xunta, realizouse por estrito orden de entrada en base ao número de persoas perceptoras da Risga de cada concello. Estableceron distintos tramos que van dende dúas contratacións como máximo para os que contan con menos de 10 perceptores ata 40 contratacións máximo para os que suman máis de 700 persoas nesa situación.

Con estas achegas os concellos poden incrementar o persoal dos servizos municipais; a maior parte dos postos ofertados son para peóns de obras, de xardinaría e de limpeza. A Xunta asume os custes salariais totais -salario e seguridade social- para un máximo do 75% da xornada.

Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da Risga que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou teñan máis de 45 anos.

Concello Contratos Investimento
Quiroga 5 54.067,41 €
Ribas de Sil 1 10.077,21 €
TOTAL SUR DE LUGO 45 617.514,12 €