As rutas en catamarán pola Ribeira Sacra volven o 13 de xuño

A pasada semana foi reactivado o encargo á empresa pública Tragsa para a prestación do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. As viaxes retómanse con medidas de seguridade a partir do vindeiro sábado 13 de xuño e continuarán ata final de ano. O encargo do servizo fora suspendido pola Declaración do Estado de Alarma.

«A posta en marcha deste servizo é unha moi boa noticia para o sector hostaleiro e turístico, e tamén para o comercio da nosa provincia porque axudará a reactivar a súa actividade unha vez superada a etapa máis dura da pandemia», explicou José Tomé Roca, presidente do ente provincial. Ademais, lembrou que precisamente ese é o principal obxectivo que persegue a campaña EN LUGO, SI que vén de lanzar a Deputación para reactivar o consumo no comercio, a hostalería e o turismo axudando a fortalecer a imaxe da provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, e para pasar as vacacións.

As embarcacións reducen o seu aforo ao 50% de forma inicial, xa que a institución irá adaptando as medidas seguindo as disposicións que vaian pautando as autoridades sanitarias. Tamén se modifican os horarios das viaxes, prevendo saídas espaciadas para minimizar o número de persoas que estarán de maneira simultánea nos embarcadoiros. No caso do embarcadoiro Ponte do Sil as embarcacións non sairán á vez senón que se ofertarán ata 5 horarios diferentes para poder realizar as viaxes e o límite de aforo fíxase para 26 pasaxeiros nunha e de 53 na outra. No caso de Belesar, poderán viaxar de cada vez 31 pasaxeiros, con flexibilización horaria.

«Priorizamos a compra de billetes na web reservas.rutasembalses.es, no caso de que se deba facer in situ é preferible que os pagamentos se fagan con tarxeta bancaria, tamén será obrigatorio o uso de máscaras de protección e quedarán habilitados dispensadores de xel hidroalcólico tanto nas instalacións para que se poidan realizar desinfeccións de mans», explicou Pilar García Porto, titular de turismo.

Así mesmo, o persoal cumprirá protocolos específicos e instalaranse paneis informativos para lembrar todas as medidas de seguridade e habilitarase información turística e a infografía para descargar mediante códigos QR. Entre outras, a Deputada incidiu en que se flexibilizan as condicións de cambio de data ou cancelación, así como para a devolución do importe do billete durante toda a temporada de viaxes.

«Entre viaxe a viaxe as embarcacións vanse desinfectar co obxectivo de que o risco de contaxio ao realizar unha das rutas que temos programadas sexa o mínimo posible», explicou a Deputada.

Deixar un comentario