O concello ten a intención de abrir as piscinas municipais a finais de xuño

O Concello de Quiroga traballa coa intención de abrir as piscinas municipais na data habitual de todos os anos, a finais do mes de xuño. Dende o departamento encargado deste servizo explican que están a levar a cabo tarefas de acondicionamento para poñer a punto as instalacións de cara á tempada estival. Ademais, foron plantadas novas árbores no recinto das piscinas.

As condición nas que abrirán dependerán do protocolo de seguridade que marque o Goberno Central para este tipo de servizos.

Pavillón municipal e campo de fútbol non se abrirán ao público ata que se permita a realización de deporte colectivo, posto que estas instalacións están pensadas preferentemente para facer deporte en equipo.

Esta semana, coincidindo co inicio da fase 2 da desescalada, entraron en funcionamento a práctica totalidade dos servizos municipais do Concello de Quiroga. Sempre mantendo, segundo o consistorio, as medidas de hixiene, prevención e seguridade marcadas polo Goberno Central para garantir a seguridade dos usuarios e dos propios traballadores.

Todos os departamentos da casa consistorial atenden ao público tras solicitar cita telefónica ou por correo electrónico e incluso a aquelas persoas que se acheguen ata o edificio se atenderán pola parte traseira, sen necesidade de que entren no edificio.

Tamén os distintos servizos da Casa da Cultura comezaron a súa volta á normalidade. A Biblioteca Pública Municipal presta servizo para préstamo de libros e consulta en sala, atendendo, iso si, ao aforo das instalacións. Tamén está aberta a oficina de turismo e a sala de exposicións, ademais dos Museo Etnográfico, que abre no seu horario habitual. O Xeolóxico permanece pechado por mor das obras de ampliación.

Deixar un comentario