Abre unha web sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, vén de publicar o formulario dixital da Ribeira Sacra, no que se escolman os contidos principais e visuais máis relevantes da candidatura, así como outros aspectos para o seu coñecemento e difusión. Trátase dunha síntese para visibilizar miles de anos de historia e traballo, que confluíron na creación deste territorio.

Este formulario é unha ferramenta complementaria á documentación remitida á UNESCO para a avaliación por parte do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) da candidatura da Ribeira Sacra que, se todo avanza normalmente, será a candidata de España o vindeiro ano na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial. O web irá incorporando progresivamente novos contidos e é accesible en galego, español e inglés.

Mapas, fitos e audiovisual

Os apartados Historia e Criterios explican dun xeito claro e visual os valores deste territorio e como estes responden aos criterios que establece a UNESCO para a declaración. Entre outras cuestións, exponse a importancia das ribeiras e das herdades de Rocas, Montederramo e Ferreira de Pantón, e dáse conta de diversos aspectos do seu carácter excepcional.

Pola súa banda, a sección de Mapas contextualiza a localización do territorio da Ribeira Sacra en Europa, España e Galicia, así como o plano da delimitación que se inclúe na candidatura, xunto a datos clave de superficies, parcelas e poboación. Tamén se recolle neste apartado a visualización en secuencia de seccións topográficas reais do territorio, un percorrido dos vales do Sil e o Miño e a posición da ribeira e das herdades.

Visitas virtuais en 360º

A web compleméntase coa selección doutros materiais relevantes que se estima que reforzan a candidatura, como o libro de fotografía Persoas que pintan a paisaxe, dispoñible para a súa descarga no apartado Publicación; ou unha interesante opción para realizar percorridos virtuais por 19 dos principais mosteiros e igrexas da Ribeira Sacra, dispoñibles na pestana Vistas 360º.

Finalmente, ofrécese un apartado co Calendario cos principais fitos acadados até o momento, que culminará coa presentación da mesma para o seu estudo e debate na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará en sede aínda por determinar durante 2021, cando previsiblemente se coñeza o resultado da avaliación.

Deixar un comentario