A oficina de turismo do Courel reabre mañá con medidas sanitarias

Este mércores retoma a súa actividade a oficina municipal de turismo de Folgoso do Courel. O concello decidiu reabrila logo de levar a cabo nela diferentes accións co obxectivo de garantir a seguridade do persoal e dos posibles usuarios.

Dende o consistorio explican que a estancia foi preparada atendendo ás recomendacións preventivas de saúde laboral ante o Covid-19 da Xunta para este tipo de oficinas. Xa se levou a cabo unha limpeza e desinfección a fondo, que se repetirá de forma periódica.

Unha vez abra a oficina, aseguran que se garantirá a distancia de seguridade de dous metros na atención ao público e o cumprimento coas normas sobre o aforo. Para iso foron instalados elementos de protección e barreiras, como unha mampara, carteis e adhesivos informativos. Tamén se colocaron dispensadores de xel e será obrigatorio o uso das máscaras. Ademais, elimináronse os folletos turísticos e daranse as explicacións nunha pantalla informativa.

Polo momento, o horario provisional da oficina turística será de mércores a domingo de 10:00 a 14:00 horas. Tamén está habilitado un número de teléfono para poder solicitar calquer tipo de información ao respecto, é o 982 43 31 34.

Deixar un comentario