Achégase o Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Ricardo Carvalho Calero

Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) é unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX, en especial pola súa contribución ao estudo da literatura galega, polo maxisterio que exerceu como primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego.

Dende a páxina web da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, aínda que afirma que «non é doado resumir unha traxectoria tan rica e intensa» como a de Carballo Calero, elaborou un texto no que relata a súa biografía. O documento en cuestión pódese consultar aquí e a continuación sintetizamos algúns dos puntos máis salientables.

Para simplificar unha presentación esquemática, a súa traxectoria vital pode dividirse en cinco tramos: a) infancia e adolescencia en Ferrol (1910-1926), b) xuventude estudantil en Compostela (1926-1932) e iniciación á vida adulta en Ferrol (1932-1936), c) o tempo das tribulacións, marcado polo trauma da guerra e as represalias da posguerra (1936-1950), d) madureza, cunha primeira etapa centrada no colexio Fingoi de Lugo (1950-1960), seguida dun período de plenitude (1960-1980), que atinxe o seu clímax tras o seu establecemento como profesor en Compostela (1965) e, sobre todo, cando gaña a cadeira universitaria de Lingüística e Literatura Galega (1972), cidade esta que se tornaría en residencia definitiva despois da súa xubilación oficial, e) que lle permitiu desenvolver unha intensa actividade como orador e publicista ata o seu pasamento (1980-1990).

Os sucesivos treitos da súa biografía corresponden de xeito aproximado coas catro etapas da súa fecunda traxectoria intelectual: anos de formación, compromiso galeguista e revelación como poeta (ata 1936), tempos de guerra, de prisión e de represión (ata 1950), dedicación intensa á historia e a crítica da literatura galega (ata 1980), atención prioritaria aos problemas da lingua e desenvolvemento da súa proposta reintegracionista (ata 1990).

No plano persoal, a súa vida está marcada por unha infancia e adolescencia difíciles, debido á morte prematura da súa nai e pouco despois da súa madrasta e á consecuente amargura do seu pai. A súa formación no ambiente do galeguismo e da República, o maxisterio dos mestres da xeración Nós e o seu vencellamento con algúns dos escritores e intelectuais máis brillantes do seu tempo resultaron decisivos na súa singradura intelectual.

REINTEGRACIONISMO

A súa posición no campo cultural galego comezaría a cambiar na segunda metade da década dos setenta e mudaría notablemente na última década da súa vida. Simplificando, as razóns principais desta mudanza son por unha parte de orde política e, por outra, de orde lingüística. É neste período cando comeza a asinar a súa obra como Carvalho Calero.

Nos primeiros anos oitenta comeza a recoller, depurar e reeditar a súa obra. Canto á literaria, compila e revisa a súa poesía en Pretérito imperfeito, 1927-1961 (1980) e Futuro condicional, 1961-1980 (1982), mentres que a obra dramática é reunida en Teatro completo (1982) e a narrativa en A gente da Barreira e outras histórias (1982) e Narrativa completa (1984). Ao tempo, arranxa varias colectáneas de traballos soltos e artigos.

Non obstante, continúa as súas múltiples angueiras de divulgador, publicando de xeito regular na prensa diaria, pronunciando conferencias e ensaios, ademais de seguir cultivando a poesía e a narrativa.

Imaxe: Moncho Rama / CCG

Deixar un comentario