O sistema de franxas non afecta aos concellos da comarca de Quiroga

O Goberno permitirá saír a facer deporte de forma individual e pasear con outra persoa coa que se conviva unha vez ao día a partir do 2 de maio e nunhas franxas horarias determinadas segundo anunciou este xoves o ministro de Sanidade, Salvador Illa, asinante da orde que regulará estas prácticas.

Porén, estas limitacións horarias non afectan nin a Quiroga, nin a Ribas de Sil, nin tampouco a Folgoso do Courel, por ser concellos de menos de 5.000 habitantes e ao considerarse innecesario repartir á poboación neste lugares para evitar aglomeracións.

Nas cidades e vilas que superen esa cifra de habitantes, os paseos e deporte dos adultos serán de 6 a 10 e de 20 a 23 horas, restrínxese o horario de paseo dos menores de 14 anos, de 12 a 19 horas, e as persoas dependentes e maiores de 70 anos poderán saír de 10 a 12 e de 19 a 20 horas.

As persoas con síntomas compatibles coa enfermidade da COVID-19 ou que se atopen en corentena tras contaxiarse ou por estar en contacto cunha persoa portadora do virus non estarán autorizados a gozar destes paseos nin a saír a facer deporte, precisou o ministro.

Salvador Illa, ministro de Sanidade, insiste en que “non hai que perderlle o respecto ao virus, non está vencido e pedimos que estas medidas de alivio se teñen que poñer en práctica cos principios que sempre dicimos: distancia interpersoal, lavado de mans de hixiene en espazos públicos e privados”.

O ministro responde aos que piden o levantamento do estado de alarma: “O estado de alarma funcionou. Iniciamos o 14 de marzo o estado de alarma cunhas cifras do 35% de novos contaxiados. Hoxe estamos nun 0,6%. O estado de alarma funcionou e é imprescindible mantelo durante a fase de desescalada. Non fariamos ben en confrontar saúde con política ou con economía”.

Guías de actuación

O Goberno publicará mañá unha guía didáctica coas franxas horarias e as condicións establecidas para dar paseos e realizar deporte. Estas novas ordes ministeriais afectarán a pequenos comercios comerciantes polo miúdo, como salóns de peiteado que deberán atender de maneira individual con cita previa. E tamén para os restaurantes, que nesta fase cero e ata o 11 de maio, só poderán servir comida para levar.

Estes comercios deberán establecer un horario de atención preferente para persoas maiores de 65 anos, contar con biombos e cando iso non sexa posible, garantir ao máximo a protección individual, así como cando o servizo profesional. O ministro tamén anunciou a publicación dunha Guía explicativa para as actividades de paseo e deportes individuais que se poderán realizar a partir do día 2 de maio, é dicir, do sábado.

Deixar un comentario