Montañas do Courel cumpre un ano como Xeoparque Mundial da UNESCO

Tal día como hoxe hai un ano, o 11 de abril de 2019, a UNESCO, durante a 206ª reunión da súa executiva, que se estaba a celebrar en Paris, comunicaba que Montañas do Courel xa era oficialmente Xeoparque Mundial, converténdose así no primeiro de Galicia e tamén do noroeste de España.

A mediados de xullo de 2018 os dous avaliadores enviados pola UNESCO para determinar se este territorio -formado polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel- merecía contar coa distinción de Xeoparque Mundial realizaron un intenso percorrido por todo o territorio proposto para esta distinción.

Estes expertos, a francesa Sophie Justice e o chino Zhang Jianping, comezaron o seu itinerario nos museos de Quiroga, a igrexa e o túnel de Montefurado, a zona mineira de Margaride e os xeomiradoiros. Nos días posteriores visitaron outros puntos emblemáticos da comarca. Un multitudinario acto de clausura, que congregou a centos de veciñas e veciños da comarca na Praia Fluvial de Ribas de Sil, puxo fin a esta visita.

Ademais, Montañas do Courel conseguiu a distinción na primeira ocasión que presentaba a súa candidatura, algo que non é demasiado frecuente, pois é habitual que a UNESCO dea unha serie de recomendacións e, de cumprilas no prazo fixado, o territorio proposto pasa directamente a formar parte deste selecto grupo de lugares recoñecidos como Xeoparque.

No último ano cómpre destacar a participación do Xeoparque en Fitur, unha das feiras máis importantes do sector turístico en todo o mundo. Instalouse un stand con información e tamén foi presentado no stand de Galicia, nun acto no que se proxectou un vídeo elaborado para a ocasión e amosáronse fotografías dos lugares máis singulares do territorio.

Xeoparque Montañas do Courel presentación Fitur 23-1-2020
Presentación do Xeoparque Montañas do Courel en Fitur / Arquivo

Unha xeoloxía moi humana foi o slogan empregado nesta feira para a promoción de Montañas do Courel. Segundo subliñaba daquela o presidente do Xeoparque, Roberto Castro, con el pretenden transmitir «a íntima relación que existe entre o ser humano e un medio estreitamente ligado ao Paleozoico». Esta unión entre a xeoloxía e o ser humano é «o fío condutor do noso xeoparque e a nosa razón de ser», explicaba.

Na actualidade seguen en marcha importantes proxectos, como o Xeocamping de Ribas de Sil ou a ampliación do Museo Xeolóxico de Quiroga. Tamén se continúa a traballar na elaboración do plan estrátexico, algo de grande importancia para o xeoparque Montañas do Courel, de cara á visita que, en 2023, realizarán os avaliadores da UNESCO para comprobar que o territorio está a funcionar de acordo á distinción que ostenta.

Deste xeito, preténdese consolidar o Xeoparque como elemento vertebrador, visibilizador e potenciador de iniciativas turísticas e de desenvolvemento local, sendo o seu obxectivo principal atraer investimentos e diversificar a actividade económica en torno ao medio rural, compaxinando unha oferta de patrimonio xeolóxico coa doutros aspectos culturais. Recentemente tiveron lugar as primeiras reunións de carácter participativo e aberto, co fin de seguir recollendo información e avanzar na súa redacción.

banner - facebook - xeoparque
Para estar informado/a do que pasa preto de ti
Imaxe de arquivo

Deixar un comentario