A Deputación pon a disposición da Xunta a residencia de San Clodio

A Deputación de Lugo poñerá a disposición da Xunta de Galicia a residencia de San Clodio (Ribas de Sil) e outros catros centros (Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna) que construíu e que ten en proceso de apertura para a súa utilización se é necesario para afrontar a crise do coronavirus Covid-19.

Así o anunciou José Tomé Roca, presidente da institución provincial, que explica que esta proposta vai destinada ao que a Administración galega considere, «ben de asistencia sanitaria, aloxamento ou calquera outro que sexa preciso». Explica que tomou esta decisión en consenso cos alcaldes destes municipios, cos que mantivo unha conversa para abordar e acordar esta medida de forma conxunta.

Ademais, engade que tamén poñen a disposición «as infraestruturas e os servizos e equipos que teñen dispoñibles no interior estas residencias. Algunha delas está máis avanzada que outras en canto a dotación de equipamento, pero todas poden ser útiles para facer fronte a esta situación de emerxencia».

Nestas cinco residencias da Deputación poderíanse habilitar «máis de 100 camas de xeito directo, ao que habería que sumar a posibilidade de acondicionar espazos comúns que terían capacidade para máis de 100 camas máis», polo que se porían a disposición máis de 200 camas individuais.

Para explicitar esta oferta, este luns o presidente da Deputación enviaralle unha carta a Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, formalizando a vontade de colaboración da institución provincial lucense. Tomé Roca asegura que o ofrecemento das residencias á Xunta para facer fronte á crise do coronavirus «responde á máxima lealdade institucional e vontade de colaboración» e di que este «é o momento de que as administracións públicas traballemos con unidade, lealdade e coordinación».

facebook
Para estar informado/a do que pasa preto de ti

Deixar un comentario