Pulverización industrial para desinfectar as rúas da vila de Quiroga

Na tarde de hoxe, luns 23 de marzo, comezou a desinfección das rúas da vila Quiroga. Un tractor cun pulverizador industrial foi o encargado de regar as rúas da vila cun preparado desinfectante, segundo explican dende o concello.

Estes traballos, que se repetirán ao longo de varios días, mentres se manteña o estado de alerta sanitaria polo coronavirus Covid-19, substitúen aos traballos de desinfección manual que se puxeron en marcha a pasada semana.

As pulverizacións realizaranse a última hora do día, para evitar incomodar a xente que circule pola rúa. Estes traballos de desinfección tamen se realizarán nos núcleos limítrofes onde as rúas teñan formigón.

A alcaldía do Concello de Quiroga, ente no que se delegou a toma de decisións municipais dende que se decretou o estado de alarma, decidiu levar estas «accións a maior escala do que se estaba facendo», polo que solicitou os traballos dunha empresa local.

Trátase dunha das decisións que se están levando a cabo para a loita contra o coronavirus e, deste xeito, protexer a toda a xente que, por traballo ou xestións urxentes, ten que saír á rúa. Non obstante, segundo o consistorio, a mellor protección para toda a veciñanza, «segue sendo a de quedar na casa».

Deixar un comentario