Chamativa imaxe do pole dos piñeiros no val de Quiroga

O vento que soprou no val de Quiroga na tarde deste xoves deixou á vista unha curiosa estampa: centos de piñeiros aos que o aire en movemento arrebataba grandes cantidades de pole, dando lugar a unha chamativa imaxe.

Hai que ter en conta ademais, que os piñeiros produce moita cantidade de pole, e que esta se dispersa con facilidade, cubrindo dun po amarelo as terrazas, xanelas, vehículos, etc. Isto adoita ocorrer nos meses de marzo ou abril, dependendo da localidade e ano. As maiores cantidades deste pole rexístranse no sur de Galicia.

Os máis afectados nesta época son os alérxicos. Con todo, a Sociedade Galega de Alergoloxía explica que o pole desta árbore é «unha causa pouco frecuente de alerxia». Isto contrasta, segundo a citada organización, «coa idea xeral da poboación que atribúe os seus síntomas a este pole, e que en realidade son causados por outros poles presentes nesta época, como o pole de bidueiro, plátano de sombra e gramíneas».

Pole piñeiros Quiroga 2020 1
Gran cantidade de pole saíndo dunha árbore / DdQ

Estes pacientes alérxicos ao pole de piñeiro xeralmente son monosensibles, é dicir, non son alérxicos a outros poles, e adoitan presentar molestias en nariz e ollos exclusivamente.

Segundo un estudo realizado polo Doutor Gastaminza no País Vasco, o pole de piñeiro ten un contido baixo en proteínas, sendo posible que se necesite unha exposición moi grande a este pole para producir alerxia.

Deixar un comentario