Suspendidas as queimas e a venda de permisos de pesca fluvial

A Consellería do Medio Rural lembra que a realización de queimas nos terreos rústicos está suspendida ata novo aviso, de acordo coa resolución publicada pola Xunta no Diario Oficial de Galicia sobre a situación de emerxencia sanitaria como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Así, no punto décimo quinto desta norma dise que se suspenden estas prácticas e tamén que quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas. Igualmente, suspéndese a solicitude de novas autorizacións, así como a posibilidade de realización de novas comunicacións para queimas nos terreos rústicos.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, tanto ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado como a través do teléfono anónimo de denuncias destas condutas, o 900 815 085.

Pesca fluvial

En cumprimento das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia con motivo da declaración do Estado de alarma, declarada polo Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu suspender a venda de permisos de pesca fluvial. Así se fai público na páxina web da Consellería, accesible a través do enderezo: pescafluvial.xunta.gal

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén quere trasladar que no momento en que se declare o levantamento das restricións establecidas -como consecuencia da declaración do estado de alarma- volverase a habilitar novamente a posibilidade de acceder a súa venda.

Asemade, a Consellería de Medio Ambiente tamén habilitará un procedemento para a devolución das taxas correspondentes aos permisos de pesca fluvial coincidentes coas datas de vixencia do presente estado de alarma. As taxas aboadas para a expedición dun permiso van desde os 2 euros para a pesca sen morte ata os 13 euros, para pesca de 1º categoría (valida para a captura de salmón e resto de especies).

Animais de compañía

Asemade, a Xunta de Galicia quere informar de como a declaración do Estado de alarma incide na tenza responsable de animais de compañía. Recórdase que poderán permanecer abertas as tendas de alimentación de animais, así como os servizos veterinarios. Asemade o persoal dos centros de acollida seguirá acudindo a alimentar e coidar dos animais que se atopen ingresados nun centro destas características e os técnicos dos centros de recuperación de fauna silvestre continuarán co desenvolvemento das súas funcións.

Tamén se recorda que só os propietarios sen síntomas poderán sacar aos seus cans a pasear, de xeito individual; co fin de que os cánidos poidan facer as súas necesidades. Non obstante, non será necesario limpar con ningunha sustancia desinfectante a zona defecada, tras a retirada da feces do can.

A información científica indica que os animais de compañía non padecen nin transmiten o coronavirus.

Deixar un comentario