O I Congreso Internacional do Aceite de Quiroga celebrarase en maio

Os días 22, 23 e 24 de maio o aceite será o gran protagonista en Quiroga. Os dous primeiros días celebrarase o I Congreso Internacional do Aceite de Quiroga no que importantes autoridades mundiais do mundo do aceite divulgarán as singularidades do aceite de oliva de produción local. O día 24 celebrarase a XX Mostra do Aceite, nas inmediacións do muíño de Bendilló.

Este conclave, financiado pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias contará con poñentes do mundo da medicina, con profesores das universidades de Córdoba, Jaen e Vigo; con técnicos da Consellería do Medio Rural e con representantes de Galpagro, Olearum, Arco Agroalimentaria e Cooperativa Valpaços (Portugal).

Durante os dous días do Congreso Internacional tratarase sobre a historia e a cultura da oliveira na comarca, sobre o rexistro de variedades, análises sensoriais e químicos e dos beneficios do aceite de oliva virxe extra para a saúde; para rematar falando sobre a elaboración e a comercialización do Aceite de Oliva Virxe Extra.

O Concello de Quiroga, que segue traballando para acadar etiquetaxe de biosaudable e ecolóxico, ademais de conseguir a súa Denominación de Orixe, quixo que a este primeiro congreso internacional acudisen todos aqueles expertos que participaron nos moitos estudos que se realizaron. Uns estudos que concluíron que se trata dun aceite de oliva virxe excepcional dende o punto de vista saudable, polo seu contido en polifenoles, como o testemuña o análise realizado polo Departamento de Química Analítica da Universidade de Córdoba, un dos laboratorios máis recoñecidos a nivel mundial.

A venda de aceite elaborado en Quiroga e a representación da elaboración tradicional do aceite no muíño de Bendilló no XX Mostra do Aceite poñerá o colofón a estas xornadas dedicadas a un dos produtos máis importantes do municipio xunto co viño.

Deixar un comentario