Quiroga amplía o Museo Etnográfico cunha sala dedicada á imprenta

O Museo Etnográfico de Quiroga ven de ampliar o seu contido cunha nova sala onde se expón todo o material da imprenta de “Almacenes el Derroche” da vila. Na sala, que xa está aberta ao público, pódense contemplar as dúas máquinas de imprenta que houbo no municipio a principios do século XX, propiedade da familia de Eugenio Bobillo.

Grazas ao depósito dos herdeiros de Bobillo, o museo xa pode amosar todo o material que era preciso para poder traballar neste obradoiro, situado na Casa Derroche e do que saíron a práctica totalidade dos impresos da comarca: dende necrolóxicas a programas de cine ou de festas, pasando por recordatorios de primeira comuñón ou invitacións de voda.

Incluso están os mobles de caixóns nos que se gardaban os diferentes moldes de letras e debuxos que se utilizaron nas impresións. Numerosos e diminutos caracteres que se unirían formando palabras na regra de composición que, tras ser cuberta sutilmente de tinta, se imprimiría no papel.

HISTORIA. A máis antiga da máquinas é do século XIX e sería substituída por outra máis moderna de principios do século XX. Estaban ubicadas nun emblemático establecemento que foi fundado no ano 1.900 por Ignacio Rodríguez Cid, fotógrafo e colaborador do diario La Región, de Ourense. Co seu fillo adoptivo, Nilo Bobillo, o establecemento trasládase ao seu emprazamento actual ata que, en 1995, pecha por xubilación o bisneto e tataraneto do fundador, Eugenio Bobillo, que legou un impresionante arquivo gráfico de boa parte do século XX quirogués.

Teas, roupa, calzado e papelería eran algúns dos artigos que se podían adquirir no Derroche, que tivo ademais a primeira funeraria, o primeiro estanco e a primeira e única imprenta de Quiroga. Pero esta non é a única das pezas que se pode ver no museo cedida por esta familia, xa que outra curiosa peza, unha pianola, está exposta na sala de catas do museo.

MÁIS SALAS. O Museo Etnográfico de Quiroga, xunto co Xeolóxico, recibiron no último ano preto de 7.000 visitas e están incluídos no Proxecto Terra, promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e polo que se achegan a estas instalacións numerosas excursións de centros educativos.

Este museo creouse con nove salas: a lareira, que representa varias dependencias dunha vivenda; a fragua, que recrea as ferrerías; o pendello, que recolle un bo número de apeiros de labranza; o aceite, cunha recreación dun muíño; a adega, na que está presente o mundo do viño. A serra, o tear, a lousa e as castañas tamén forman parte deste museo. Máis tarde acolleu parte das maquetas das casas de pedra elaboradas para a película galega de animación “O Apóstolo”.

Recentemente ampliouse a parte dedicada ao mel, coa réplica de parte dunha alvariza e abriuse a sala dedicada á escola e agora engádese esta sala dedicada á imprenta. Con todo, aínda queda un bo número de pezas que non poden mostrarse ao público por falta de espazo, polo que o Concello de Quiroga traballa na ampliación deste Museo, como tamén está a realizar no Museo Xeolóxico.

Deixar un comentario