Case a metade do aceite producido en Quiroga é para autoconsumo

Arredor da metade da produción do aceite elaborado en Quiroga -uns 18.000 litros- destínanse cada ano ao autoconsumo das familias. Este dato foi dado a coñecer polo Concello de Quiroga, que xa está a cuantificar a colleita deste ano, que se atopa nestes momentos no proceso de decantación. Unha colleita que sobrepasa os 40.000 litros, dos cales se comercializarán uns 22.000.

FORMACIÓN. Ademais, vinte e sete persoas comezaron na tarde do martes nas instalacións do Museo Etnográfico un curso de oleicultura e cata de aceites, no que baixo o título Descubre o mundo do aceite”, se realiza unha introdución á análise organoléctica do aceite.  

Os encargados de impartilo son membros da asociación do aceite AMIAQUIGAL, o biólogo da marca xenérica Aceite de Quiroga, José Espinosa Sánchez, e a Enxeñeira Técnica Agrícola, Montserrat Liceras Pascual

A xornada inaugural centrábase na situación actual da olivicultura en Galicia, na definición de aceite de oliva virxe e na normativa da etiquetaxe. A partir de agora as xornadas serán xa específicas sobre cómo descubrir os estímulos e a percepción dos aceites e cómo desenvolver unha cata. Cada xornada, de tres horas de duración, rematará cun pequeno debate entre todos os participantes. 

Os obxectivos deste curso que se desenvolverá ao longo de nove xornadas en horario de tarde, son que os participantes dispoñan de ferramentas e criterios obxectivos que lles permitan diagnosticar e valorar o aceite dende as súas impresións sensoriais asociadas a unha calidade ou estado do produto.  

Con estas xornadas formativas, gratuítas para os participantes, o Concello de Quiroga, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo, quere contribuír á promoción dos produtos da zona e apoiar os sectores económicos que se asentan neles.

Deixar un comentario