Ribas de Sil propón recuperar os fogos artificiais e crear unha feira do viño

O pasado ano, cando remataron as festas patronais de verán, o Concello de Ribas de Sil anunciaba que, de cara a este 2020, habería sorpresas no programa de festexos. Hoxe mesmo, mediante un comunicado na rede social Facebook, fixéronllo saber a todas as veciñas e veciños.

Esta sorpresa pasa por, ademais de continuar coa festa como se desenvolvía tradicionalmente, incluír unha serie de novidades para o día 16 de agosto e recuperar unha das actividades con máis sona e que xuntaba cada ano a un importante número de persoas á beira do Sil. Trátase dos fogos de artificio, que foron suspendidos hai anos por mor da dura crise e que o concello ten agora intención de recuperar.

Outras das ideas que propoñen dende o consistorio é a creación dunha nova feira do viño, con caldos das variedades da subzona Quiroga-Bibei, á que convidarían a participar a todoas as adegas desta subzona.

Por último, e partindo da efeméride da chegada do ferrocarril á vila de San Clodio, un feito que se remonta ata o mes de agosto do ano 1883, o concello sopesa a organización dunha feira de recreación histórica ambientada no século XIX.

Iso si, para levar a cabo este tipo de celebracións, dende o concello aseguran que a particiación da veciñanza é imprescindible, polo que preguntaron aos usuarios da rede social se estarían dispostos a involucrarse activamente nesta recreación. A idea é que os veciños e veciñas asistan vestidos con roupas típicas da época e anuncian que pretenden recrear a viaxe inaugural feita polo rei Afonso XII, a familia Batanero e o Pazo da Costa, etc.

Deste xeito, as actividades que se viñan realizando nos últimos anos os días 14 e 15 (as orquestras, procesións, pasarrúas, inclables, etc) continuarían a celebrarse nesas mesmas datas e engadiríase a maiores o 16 de agosto coas tres propostas.

REACCIÓNS. Esta nova foi moi ben acollida entre os seguidores e seguidoras da páxina do concello en Facebook. Os primeiros comentarios son todos moi positivos.

Deixar un comentario