A comarca de Quiroga benefíciase da nova Tarxeta Benvida para nados no 2020

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que a Consellería de Política Social vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases para que os pequenos que nazan en 2020 poidan beneficiarse da Tarxeta Benvida, que este ano mellora as condicións para as familias numerosas, as que residen no rural, as familias en situación de especial vulnerabilidade e as que retornan a Galicia dende o exterior.

A convocatoria deste ano incorpora catro novidades. Unha delas é o incremento nun 25% para as familias que vivan en concellos de menos de 5.000 habitantes, para apoiar os fogares con fillos no rural. Balseiro destacou que esta mellora beneficiará á práctica totalidade dos concellos das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga, onde só Chantada e Monforte superan esta cifra de poboación.

A Tarxeta Benvida consiste unha axuda directa de 1.200 euros -con carácter xeral- durante o primeiro ano de vida do bebé para destinar á compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene, farmacéuticos e ópticos. En función da renda, dende 2018 a tarxeta pode ampliarse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno.

Outra das novidades da actual convocatoria é que se duplica a cantidade que se percibe polo terceiro fillo e sucesivos durante o primeiro ano, de xeito que se recibirán 2.400 euros anuais, cifra que se elevará ata os 3.000 euros en caso de que vivan nun concello rural.

Así mesmo, contémplase a posibilidade de prórroga da Tarxeta Benvida para as familias en situación de especial vulnerabilidade ata que o neno ou nena teña catro anos. Por último, tamén se amplía nun mes o prazo de presentación de solicitudes para os galegos no exterior que decidan retornar a Galicia, os cales contarán con tres meses desde o seu regreso para solicitar esta prestación.

Balseiro apuntou que as axudas económicas impulsadas pola Xunta para dar facilidades ás familias galegas compleméntanse con outras iniciativas para proporcionarlles aos pais e nais recursos de conciliación.

Nese sentido, o delegado referiuse a medidas como a gratuidade das escolas infantís galegas para os segundos fillos e sucesivos a partir de abril; ou as Casas Niño, gratuítas para os usuarios. Así puxo de relevo que na provincia de Lugo funcionan 16 Casas Niño e está previsto que neste exercizo abran tres máis. Entre elas a situada en Ribas de Sil, da que Cristina Casasempere é promotora.

DIA MUNDIAL DA RADIO.gif
PUBLICIDADE

Deixar un comentario