O Xeoparque acollerá cursos para a formación de desempregados como guías

No mes de febreiro terá lugar no Xeoparque montañas do Courel un curso de xeoturismo gratuíto para persoas desempregadas. Estes cursos forman parte do Proxecto «Xeoturismo en Xeoparques Mundiais UNESCO de España», dentro do Programa empleaverde da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Este proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, está destinado a mellorar a capacitación de desempregados e desempregadas para o seu desenvolvemento profesional como guías e intérpretes da natureza.

O proxecto consiste na realización de accións formativas gratuítas nos Geoparques Mundiais UNESCO e cuxos destinatarios son persoas desempregadas, tendo preferencia dentro da baremación das inscricións, as pertencentes a colectivos prioritarios como mulleres, mozas ata 35 anos, maiores de 45 anos, persoas inmigrantes, persoas con discapacidade, residentes en áreas protexidas e/ou zonas rurais.

Esta nova convocatoria ofrece cursos de formación mixta de 80 horas de duración, con 30 horas presenciais e 50 horas online mediante plataforma e-learning, onde os participantes coñecerán, desde un punto de vista práctico, diferentes técnicas e metodoloxías que poderán poñer en práctica á hora de desenvolver o seu futuro laboral no sector xeoturístico local.

No caso do Xeoparque Montañas do Courel, o curso presencial celebrarase no salón de actos do Concello de Ribas de Sil, do 11 ao 15 de febreiro, en horario de 09:00 a 15:00, con 2 días de saída de campo.

1 comments

Deixar un comentario