Montañas do Courel chega por primeira vez a Fitur e hoxe será presentado

ASÍ FOI O ACTO DE PRESENTACIÓN DO XEOPARQUE EN FITUR (CLICK AQUÍ)

Onte daba comezo en Madrid unha das feiras máis importantes do sector turístico en todo o mundo, Fitur. Nela, e por primeira vez, terá presenza o Xeoparque Montañas do Courel, cando nin se quera se cumpliu un ano dende que foi recoñecido como tal pola UNESCO, o 11 de abril do pasado 2019.

Dende onte está instalado un stand con información do Xeoparque e do xa coñecido como «territorio Montañas do Courel», nunha caseta dedicada integramente aos xeoparques españois, un selecto grupo ao que foron os últimos en sumarse. Haberá persoal atendendo a aqueles profesionais do sector e visitantes que se interesen pola zona, para os que tamén elaboraron folletos informativos.

Esta tarde, a partir das 15:30h, terá lugar, no stand de Galicia, situada no pavillón 9 de IFEMA, o acto de presentación do Xeoparque Montañas do Courel. Consistirá nun discurso a cargo do seu presidente, Roberto Castro, que estará acompañado polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro e o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela.

Durante o acto proxectarase un vídeo elaborado exclusivamente para esta cita e exhibiranse fotografías dos lugares máis singulares do territorio.

Fitur celebra este ano o seu corenta aniversario con contidos renovados e ampliando o espazo, cunha superficie de case setenta mil metros cadrados. Corea do Sur é o país socio esta edición, a maior da historia de Fitur, con 918 expositores titulares e máis de once mil empresas de 165 países e rexións.

Máis actividades

Ademais, mentres continuan as accións de promoción nesta feira, onte coñeceuse que o Xeoparque Montañas do Courel, e en concreto as aldeas da Seara e Vieiros, acollerán a edición de 2020 do Geolodía da provincia de Lugo. Celébrase en todo o Estado e constitúe a maior actividade de divulgación científica ao aire libre de España.

Terá lugar o domingo 10 de maio e realizarase unha excursión a pé para todos os públicos para coñecer a pegada dos glaciares no val da Seara e as rochas de construción empregadas neste lugar, incluído no Roteiro das Aldeas Paleozoicas do Xeoparque. Ademais, visitarase a fervenza de Vieiros, formada polo encaixamento do río Selmo, e o muíño de Vieiros en funcionamento, grazas aos veciños desta aldea.

A asistencia é gratuíta e debe realizarse a través do mail info@ribeirasacracourel.es ata completar un aforo de 90 persoas.

banner - facebook - xeoparque

Imaxe: Facebook Courel Mountains

Deixar un comentario