Novo revés para a posta en marcha do complexo turístico de Augas Mestas

Esta semana chegou un novo revés, quen sabe se o definitivo, para a posta en marcha do complexo turístico de Augas Mestas por parte da empresa quiroguesa Tourgalia. Nun comunicado, emitido na súa páxina da rede social Facebook, a compañía explica con detalle a súa versión do sucedido dende que no ano 2015 comezaron a traballar de cheo neste proxecto. De todos nos que están inmersos, «o único que ata agora resultou errado», apuntan.

Relatan que atoparon grandes deficiencias nas instalacións «das que o prego -de condicións- non informaba» pero que, da man da Deputación de Lugo, foron buscando solucións para todos estes problemas. Porén, no momento de chegaren a revisar o sistema de depuración de augas residuais explican que «a boa predisposición terminou e a día de hoxe descoñecemos o porqué».

É o propio prego de condicións o que establece nun dos seus puntos que a instalación conta con saneamento, abastecemento de auga, etc. Mais isto, e sempre segundo a versión de Tourgalia, dista moito da realidade, xa que «o sistema de saneamento finaliza nunhas poucas arquetas que non evitan que as augas fecais soborden ao lado da piscina e se vertan polo terreo». Outros dos problemas que se destacan no comunicado son «un sistema de captación de augas sen autorizar pola CHMS» ou «un alumeamento público carente de cableado, cadro e bombillas».

Augas Mestas camping 2020.JPG
Estado no que se atopa o cámping de Augas Mestas / Diario de Quiroga

Segundo indican, a única vía que atoparon para a legalización do complexo de Augas Mestas foi consideralo un campamento turístico. Agora ben, para poder cumprir a normativa deste tipo de instalacións, debían valar todo o recinto. Dende Tourgalia aseguran que se comprometeron á realización de dita obra e que isto manifesta que o seu compromiso foi «máis alá do prego de condicións». A empresa correría tamén con todos permisos, licenzas e autorizacións precisas para o seu funcionamento, así como a dotación de equipamento e mobiliario en todas as instalacións, e todas as adaptacións obrigatorias por normativas futuras non previsibles na publicación da licitación.

Dende Tourgalia afirman que a Deputación pretende incautarlle o aval «por incumprimento» e sacar de novo a concesión. Pregúntase por que o ente provincial vai buscar outra empresa e como pensan solucionar os problemas que evitan a apertura. Se o remedio pasa por instalar un sistema de depuración de residuais e resolver o resto de problemas gustaríalle que o fixesen «agora que xa teñen unha empresa concesionaria e que segue tendo vocación de abrir».

Por último, a empresa quiroguesa, que hai case tres anos incluso presentara xa un posible menú do restaurante do complexo turístico, reitera o seu desexo de poder traballar novamente de maneira conxunta co ente provincial en reabrir as portas de Augas Mestas. Polo contrario consideraríano «unha grande inxustiza», tanto coa empresa como co territorio.

facebook

Deixar un comentario