O número de visitas aos museos de Quiroga volveu aumentar durante 2019

Os museos municipais de Quiroga -o Xeolóxico e mais o Etnográfico- aumentaron durante o 2019 o número de visitas recibidas con respecto a anos anteriores ata acadar as 7.000 persoas.

Unha «importante» cifra que, segundo o consistorio, se viu incrementada neste último ano grazas tamén a que «o noso territorio foi declarado como Xeoparque Mundial pola Unesco». Aínda que lixeiramente superior o número de visitas ao Museo Etnográfico, tanto este como o Museo Xeolóxico móvense ao redor das 3.500 visitas anuais.

Estes datos foron facilitados pola oficina de turismo que presencialmente atendeu neste mesmo ano a máis de 4.300 persoas que pedían información basicamente sobre Quiroga, destacando a demanda de información sobre o túnel romano de Montefurado, o Camiño de Inverno e todo o relacionado co aceite. O Courel e as rutas de sendeirismo tamén foron das informacións moi demandadas nesta oficina de turismo.

Para o Concello, estes datos, aos que se lles suman as 22.000 visitas que recibiron os contidos turísticos da páxina web do concello, «confirman o interese que o noso territorio está espertando como lugar de turismo, sobre todo nos amantes da natureza».

Procedencias

Segundo os datos feitos públicos polo concello, os visitantes ao municipio de Quiroga son maioritariamente galegos e galegas, cun 29,57%; seguidos moi de preto por visitantes chegados dende Cataluña, 21,48%. Os madrileños e madrileñas que visitan Quiroga tamén ocupan unha porcentaxe importante, xa que acadan un 15’24%.

Aínda que as persoas que se achegan ata o territorio proceden maioritariamente do Estado español, tamén se contabilizou un número importante de persoas estranxeiras, xa que o 10,48% visitantes durante o ano 2019 procedían doutros países.

Deixar un comentario