Xa se poden reservar viaxes para as rutas fluviais en catamarán na Ribeira Sacra

O prazo para facer reservas nas rutas fluviais en catamarán na Ribeira Sacra está aberto dende este ventes. Así o informou a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que explicou que estas embarcacións comezarán a funcionar o día 4 de abril, isto é, o sábado anterior á Semana Santa.

As persoas interesadas en gozar das rutas polo río Miño ou polo Canón do Sil nesta tempada de 2020 poderán facer a súa reserva a través da Central de Reservas, na que poderán gardar ou comprar billetes, así como solicitar todo tipo de información.

Pódese facer online as 24 horas en na web; ou ben de luns a venres, en horario de mañá, de 09:00 a 14:30 horas, no teléfono 982260196 ou ben na dirección de correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. No Pazo de San Marcos, concretamente na primeira planta, onde se atopa o departamento de Turismo, profesionais da Deputación tamén atenden persoalmente a todos e todas os interesados.

A Deputada de Turismo destacou así mesmo que o número de viaxeiros nas rutas fluviais continúa medrando. Na tempada de 2019 subiu un 5%, co que o número total ascendeu a preto de 62.000 persoas.

Presupostos

Os orzamentos aprobados pola Deputación o pasado mes de decembro contemplan, en canto ao sector turístico, 2,4 millóns de euros para incorporar as tecnoloxías ao sector e atraer así a máis visitantes; manter as rutas fluviais en catamarán e a promoción da provincia en encontros de proxección nacional e internacional; dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, un apoio que liderou a Deputación de Lugo dende o ano 2011 e ó que despois se uniron outras institucións como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia; aproveitar o potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño de Santiago sobre todo de cara ao Xacobeo 2021, e integrar á provincia na Rede Europea de Itinerarios Culturais para fomentar o turismo.

Deixar un comentario