Os fortes refachos deixan varias incidencias en Quiroga

Os fortes refachos de vento que se produciron en Quiroga durante esta noite por mor da Borrasca Elsa deixaron numerosas incidencias.

Unha delas foi a caída dunha árbore nos xardíns da entrada de Quiroga, na zona da Casa de Cultura. Trátase dun cipres de grandes dimensións.

Na LU-651 entre Quiroga e O Courel, ao seu paso pola Ermida, tamén caeu unha grande árbore sobre a estrada, impedindo a circulación por un dos seus carrís.

20191219_090331
A árbore que caeu na Ermida impide a circulación por un dos carrís / cedida

Galicia continuará aínda baixo os efectos da borrasca Borrasca Elsa situada ao oeste de Irlanda. Teremos un día de inestabilidade atmosférica e o vento seguirá soprando forte do sudoeste.

No resto de Galicia

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de rexistrar mais de 1000 incidencias debido aos fenómenos meteorolóxicos adversos por costeiros, vento e choivas de nivel laranxa que están a afectar a nosa comunidade entre as 00:00 do día 18 e as 08:00 horas de hoxe.

Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 437 incidencias rexistradas, Pontevedra con 425, seguida de Ourense con 99 e Lugo con 92 incidencias. A caída de árbores e pólas en vías de circulación (383), actuacións de prevencións de risco (103), anegamentos en vivendas (108), estradas anegadas(90), obxectos varios nas estradas (37), postes, restos de cables da luz e do teléfono nas calzadas (86), foron as incidencias que máis se repetiron.

En canto aos concellos,  na provincia de Pontevedra destaca o de Vigo con 86 incidencias, Pontevedra, Ponteareas e A Estrada con 18 cada un deles, Vilagarcía de Arousa con 17. Na provincia de A Coruña, Carballo alcanzou as 43 incidencias, Sada sumou 34, Oleiros 29, Cambre 23, Fene17 e Ribeira 15. En Lugo, o concello de Lugo 10, Monforte 9, Mondoñedo e Pantón 7 respectivamente e o concello de Chantada que rexistrou 6 incidencias e, por último, no concello de Ourense alcanzáronse 13 incidencias, 8 no de San Cibrao das Viñas e 4 no do Barco de Valdeorras.

Cómpre destacar que, en Catoira ás 12:05, unha árbore caeu sobre un coche que ía circulando na PO-548, no punto quilométrico 10. Non houbo feridos, só danos persoais.

Ademais, en Fisterra, desbordouse o río Ponteira da Anchoa e inundou dúas vivendas na parroquia de San Martiño de Duio, sen rexistrarse danos persoais. O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través dunha persoa particular e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Cee, á Policía Local e a Protección Civil de Fisterra. E, por outra banda, unha vivenda anegouse no lugar de Faxín, en Narón. Foron os bombeiros da localidade os que alertaban do sucedido ao 112 Galicia, uns minutos antes das 17:25 horas da tarde pasada. Decontado, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Policía Local. Tamén,  por mor do desbordamento do río no lugar da Anchoa unha vivenda resultou anegada en Fisterra. Interviñeron Bombeiros de Cee e PC Fisterra. Ninguén resultou ferido. En Faxín (Narón) bombeiros saíron a atender un anegamento nunha vivenda. En Vigo, estivo cortada a circulación polo Túnel de Bouzas debido a un camión que levou por diante un panel. Ninguén resultou afectado e o tráfico reactivouse en canto puideron restablecerse as condicións de seguridade na vía. En Catoira, caeu unha árbore sobre un vehículo sen causar feridos. En o Muíño, Cambre dúas persoas quedaron atrapadas no interior  dunha vivenda por estar anegada. En Miño, Perbes, interviñeron os Bombeiros de Betanzos por mor de seis vivendas anegadas. Ademais un vehículo con xente no seu interior foi rescatado na Rúa Carmen Estévez. Todos os ocupantes estaban ben. Un subterráneo anegado na N-540, ao seu paso por Lugo. En Cambre, a estrada que une A Barcala e Cambre, anegada por mor do desbordamento do rio Mero. Na N-651, en Miño,  os coches presentaban  dificultades para circular debido ao  anegamento da estrada. En A Laracha, unha furgoneta envorcou a causa do desbordamento do río.  En Fene, unha muller quedou atrapada nun turismo por bolsa de auga na estrada,  no Polígono Industrial de Vilar do Colo. En Xunqueira de Espadanedo varias casas quedaron anegadas no lugar de O Barrio. En A Guarda, o propietario do cámping Santa Tecla  informaba ao 112 Galicia do anegamento do cámping por mor da recollida das augas. En Cangas, desprendeuse a fachada lateral dun edificio. Non houbo persoas feridas. En Pontedeume, o derrubamento do muro dunha finca contra un edificio, mobilizou aos servizos de emerxencia. Foron retirados os cascotes e parte do muro caído.

Imaxe cedida

Deixar un comentario