8 millóns de euros ás axudas para a creación de superficies forestais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para a creación de superficies forestais, por un importe total de 8 millóns de euros, para as anualidades de 2020 e 2021 (2 millóns corresponden ao 2020 e os 6 restantes a 2021). Estas subvencións destinaranse á creación de superficies forestais con especies de coníferas e frondosas.

Os beneficiarios serán as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son os gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, que incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, así como os de plantación propiamente dita e a zona de defensa fronte o lume. Tamén, as infraestruturas de acompañamento e obras complementarias.

Novidades

Entre as novidades desta convocatoria cómpre destacar que se amplían as especies frondosas que poden ser obxecto de axuda, pasando de dez a 21. Ademais, permitirase forestar con coníferas e frondosas os terreos ocupados por eucalipto con diámetro normal medio inferior a 10 cm. e deste xeito incentivar o cambio de especie nesas zonas (especialmente aquelas áreas de rebrote de pequenos eucaliptos, sobre todo en terreos afectados por incendios). Así mesmo, promóvense actuacións de cambio de especie nos terreos ocupados por especies invasoras, como a acacia negra, a mimosa e/ou a falsa acacia.

A maiores, foméntase a creación de novas masas de piñeiro do país mediante repoboacións de alta calidade xenética, é dicir, co uso de plantas da categoría máis alta nesta materia e que poden supoñer incrementos nos crecementos superiores ao 7% con respecto a plantacións normais.

Por último, redúcense e flexibilízanse os requisitos de superficie mínima de actuación para poder acceder ás axudas. Así, por exemplo, rebáixase o mínimo establecido para as agrupacións e Sofor, que na anterior convocatoria era de tres hectáreas e agora para a ser de tan só unha hectárea. Isto facilítalles o acceso ás axudas a este tipo de entidades.

O prazo de presentación de solicitudes para poder beneficiarse destas subvencións, xestionadas pola Consellería do Medio Rural, será de trinta días hábiles contados a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Esta convocatoria de axudas é a quinta das correspondentes ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020. Nas catro anteriores, grazas a estas subvencións actuouse nunha superficie total de algo máis de 10.500 hectáreas, cun importe global de 18,6 millóns de euros e 525 beneficiarios.

Deixar un comentario