Asinan un convenio para accións de rehabilitación en Quiroga e Pacios de Mondelo

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, asinou esta mañá na Coruña un convenio de colaboración coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para levar a cabo actuacións de rehabilitación na vila de Quiroga e Pacios de Mondelo.

Tras este convenio, a Xunta de Galicia, e o Ministerio, achegan un importe de 217.500 € para financiar 25 accións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas, así como actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral.

Así, ao abeiro deste programa de axudas, poderán levar a cabo actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares. Incluíndo melloras na eficiencia enerxética e sustentabilidade, na seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas.

Este convenio de Reurbanización e Renovación Urbana tamén inclué a realización de obras de urbanización e reurbanización de espazos públicos e a execución de obras de demolición e edificación de vivendas de nova construción.

Coa declaración de ARI, o concello participou nos diferentes plans de vivenda dende 2010 para conceder axudas de rehabilitación de vivenda; dende o ano 2014 a zona de rehabilitación que incluía a Pacios de Mondelo e a Praza Maior ampliouse a parte da vila de Quiroga.

convenio rehabilitación quiroga 2019.jpg
Sinatura do convenio / Concello de Quiroga

Para poder solicitar estas axudas as persoas interesadas deberán de dirixirse a oficina da vivenda situada no antigo cárcere, onde recibirán máis información e lles tramitarán as axudas.

Deixar un comentario