O alcalde de Quiroga reúnese con Feijóo na procura dunha Denominación de Orixe para o aceite local

O Concello de Quiroga continúa loitando para que se lle recoñeza a Denominación de Orixe Protexida ao aceite producido e elaborado na comarca quiroguesa, segundo explican dende o propio consistorio. O último paso dado a este respecto polo rexedor local, Julio Alvarez, foi unha entrevista que mantivo na mañá de onte en Santiago de Compostela co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Logo desta xuntanza, na que o alcalde de Quiroga lle expuxo a postura que vai manter o concello neste asunto, o presidente da Xunta amosouse moi interesado no aceite de Quiroga. Ademais, Feijóo comprometeuse a estudar a documentación que lle presentou o rexedor local, que se amosaba satisfeito á saída da reunión.

A solicitude de Denominación de Orixe Aceite de Quiroga presentouse perante a Consellería de Medio Rural, a través da Xefatura Territorial de Lugo, o pasado 14 de marzo. Xunto coa solicitude achegouse a documentación esixida pola lexislación vixente para a apertura e tramitación do expediente, que o executivo galego ten que remitir ao Ministerio de Agricultura, primeiro, e á Unión Europea, despois.

O feito de que, transcorridos máis de seis meses dende esta solicitude, aínda non se teña contestación, fixo que o alcalde de Quiroga decidise tratar este asunto persoalmente co presidente da goberno galego.

Nesta xuntanza, que se prolongou máis de media hora, o rexedor aproveitou tamén para falar co presidente sobre outros temas importantes para Quiroga.

Deixar un comentario